ÁBRESE O PRAZO PARA ANOTARSE NA BOLSA DE TRABALLO DO FESTIVAL DE ORTIGUEIRA
Os pases de vehículos para os veciños afectados polos cortes de rúas durante a súa celebración tamén se poden solicitar en dúas quendas.
O Concello de Ortigueira vén de abrir o prazo para se inscribir na bolsa de emprego para o Festival Internacional do Mundo Celta. As persoas interesadas poden presentar as súas solicitudes ata o 6 de xullo. Ofértanse postos de traballo de hostalería en tódalas súas variantes (barra, restauración, postos ambulantes de comida, etc.), auxiliares de aparcadoiros, limpeza en vía pública e mantemento das zonas de aseos e auxiliares diversos.
O único requisito é estar desempregado e haberá que presentar a solicitude xunto cunha copia do DNI e a tarxeta de demandante de emprego.
Por outra banda, ata o 15 de xuño está aberto o primeiro prazo de solicitude de pases de vehículos para acceso ao casco urbano durante as datas de celebración do Festival. Do 12 ao 15 de xullo quedará restrinxida a circulación desde a Avenida da Escola de Gaitas en dirección á Avenida das Pontes, Eugenio López, Xosé Buide, Avenida Juan Luis Pía, Luama e acceso a Laxás. Ademais, prohibirase o aparcamento na rúa Francisco Santiago por razóns de seguridade. Só poderán acceder a estas zonas os vehículos que teñan o pase facilitado polo Concello. Os que pediron a autorización o pasado ano non necesitan renovala, a non ser que teñan cambiado de domicilio ou vehículo.
Os non residentes nas zonas afectadas que desexen obter o pase deberán entregar, xunto á solicitude, fotocopia dalgún recibo do ano 2018 que os acredite como veciños de Ortigueira. As persoas que por motivos laborais necesiten acceder a estas rúas tamén teñen que pedir a autorización.
Os pases solicitados neste primeiro prazo entregaranse do 21 ao 29 de xuño nas oficinas do Concello. O segundo prazo estará aberto do 21 ao 28 de xuño, e neste caso poderanse recoller do 5 ao 11 de xullo.