O fenómeno da emigración constitúe un importante episodio na historia da comarca de Ortegal. Este proceso foi determinante cualitativa e cuantitativamente dende a segunda metade do século XIX. Daquela, boa parte dos mellores homes destas terras, os que destacaban no plano físico ou no intelectual, emigraron cara América. As razóns, as mesmas que as de outros galegos: incapacidade para prosperar cos beneficios que daba a terra, a carencia de recursos económicos…
Entre os anos 1861 e 1910 o partido xudicial de Ortigueira ocupaba o quinto lugar no volume de saldo migratorio da provincia. Entre 1900 e 1963 acada o primeiro posto con respecto ao número absoluto de emigrantes da provincia e o terceiro entre os máis de 300 concellos galegos. A cifra, de 10.571 persoas desprazadas, era superada tan só polos municipios da Fonsagrada, en Lugo, e A Estrada, en Pontevedra.
Este fenómeno faise especialmente significativo ao analizar as cifras de poboación do concello de Ortigueira. O seu número de habitantes, por debaixo da media galega, conlevou que a trascendendia destes feitos fora, e siga a ser indiscutible en todos os eidos da convivencia comunitaria.
O sentimento de pertenza á comarca ortegana non se perdeu na viaxe. En América chegaron a rexistrarse un total de 16 microcolectividades –especialmente de ámbito parroquial-. O noso foi o municipio galego cun maior número de entidades fundadas con esta referencia. Entre estas destaca o labor desenvolvido pola colonia de Santa Marta no Centro Galego da Habana. Dende alí, os nosos emigrantes custearon lavadoiros, camiños, cemiterios e mesmo reformas de igrexas para a súa terra de orixe.
As pegadas dos emigrantes son apreciables aínda gracias ás casas dos indianos –emigrantes que fixeron fortuna en América- da parroquia de San Claudio, unha das que máis sofriron o impacto deste fenómeno. Son salientables as achegas destes indianos dende mediados do século XIX, non só no que respecta ao envío de cartos, senón tamén polos investimentos realizados na terra natal.
Entre os anos 1940 e 1950 as correntes migratorias seguían a ser principalmente transoceánicas. Con todo, Cuba deixaba de ser o destino elixido, substituído por países como Arxentina ou Venezuela.
Nesta época comeza tamén a reflectirse unha crecente emigración cara Europa, especialmente a partir dos anos 1960-70. A comarca viuse novamente afectada polo fenómeno da emigración, o que conlevou un notable descenso da poboación. Así, en 1971 o municipio de Ortigueira tiña preto de 10.000 habitantes. Un 25 por cento menos que trinta anos antes.