A III Feira Agroalimentaria e XXXV Feira do Mel do Ortegal converteron a Ortigueira no epicentro da gastronomía e produción agroalimentaria local
A Alameda de Ortigueira acolleu os días 15 e 16 de novembro a III Feira Agroalimentaria e a XXXV Feira do Mel de Ortegal, un encontro que volveu reunir produtores e visitantes en Ortigueira cunha gran afluencia malia a chuvia e o mal tempo.
Nesta edición participaron máis de 20 expositores, que destacaron un ano máis unha valoración positiva en canto a vendas e ofreceron unha ampla variedade de meles, queixos, embutidos, panadaría e produtos ecolóxicos e de proximidade, poñendo en valor a produción comarcal e de km 0.
O programa incluíu diversas actividades para o desfrute de todos os membros da familia, sendo especialmente ben acollidas as actividades infantís presentes durante as dúas xornadas, que crearon un ambiente distendido e acolledor grazas a xogos populares, contacontos ou obradoiros de elaboración de velas. As degustacións gastronómicas adquiriron protagonismo en ambas as dúas datas, incorporando unha degustación de carne de vacún da man das asociacións BOAGA e PURAGA, que contou cunha boa acollida entre o público, así como as degustacións presentadas por Ortigueira entre Fogóns, destacando as elaboracións con queixo, mel e millo.
Como novidade, este ano a feira incorporou un foodtruck durante a xornada do domingo, xunto cunha exposición de maquinaria agrícola da man da coruñesa López Golpe, que puido visitarse ao longo de toda a fin de semana. Do mesmo xeito, sorteáronse sete cestas con produtos gastronómicos doados polos diferentes expositores, tres o sábado e catro o domingo, unha delas ofrecida pola asociación participante Recursos de Aldea, poñendo fin a unha fin de semana chea de actividades, tradición e sabor, na que a chuvia non impediu desfrutar da gastronomía e da produción local.


