A Escola de Música de Ortigueira celebra a patroa dos músicos con cinco concertos en liña
- A programación por Santa Icía comeza esta tarde e finalizará o 26 de novembro.
- A escola amplía a súa oferta e conta desde este curso con grupo de cantareiras.
A Escola de Música do Concello de Ortigueira ( EMCO) celebra Santa Icía, patroa dos músicos, cunha programación de concertos en liña. As actividades empezan esta tarde e finalizarán o 26 de novembro, co último dos cinco espectáculos que se ofrecerán a través da canle de Youtube da EMCO.
Esta tarde terá lugar o concerto ‘ Monochrome’ a cargo do profesorado da EMCO. Seguirá a programación o 23 de novembro co ‘Pasodobre italiano’ do grupo tradicional. O 24 de novembro será a quenda do Combo co seu ‘Funkytown – I feel good’. O 25 o grupo tradicional repite co ‘Pasodobre dos Carballeiras’ e o 26 a Escola de Gaitas e Banda de Música de Ortigueira pon o punto final á programación con ‘Amazing Grace’. Todos os concertos estarán dispoñibles a partir das 21:00 horas.
Novo grupo de cantareiras
A EMCO segue ampliando a súa oferta e conta este curso cun grupo de cantareiras. A actividade gratuíta, dirixida a persoas maiores de 10 anos, terá lugar os venres de 18:15 a 19:00 horas. Aquelas e aqueles interesados en anotarse poderán facelo no propio edificio da escola ou chamando ao 981 40 24 32.