Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A BIBLIOTECA DE ORTIGUEIRA PREMIA AOS USUARIOS E USUARIAS QUE MÁIS UTILIZAN O SERVIZO DE PRÉSTAMO

A biblioteca municipal de Ortigueira celebrará mañá venres o Día do Usuario/a agasallando a quen máis utiliza o servizo de préstamo. En concreto entregaranse un diploma e un libro ás cinco persoas que máis recorreron ao da sección xuvenil-adultos e outros cinco ás de infantil. Pola biblioteca municipal de Ortigueira pasan cada ano arredor de 18.000 persoas, aínda que non todas o fan para coller libros prestados. A actividade que se desenvolve na biblioteca foi obxecto de recoñecemento recentemente coa concesión dunha achega económica do Ministerio de Cultura para a compra de libros dentro da XIX Campaña de Animación a la Lectura María Moliner, que premiou a 300 bibliotecas de toda España. O proxecto galardoado leva por título “+ que nunca: días para tod@s na biblioteca” e inclúe todas as actividades de dinamización desenvolvidas no servizo.

Por outra banda, mañá ás 20.00 horas desenvólvese no Teatro de Beneficencia unha xornada para presentar aos veciños e veciñas de Ortigueira a nova web e sede electrónica municipal, ás que se pode acceder a través da dirección www.concellodeortigueira.gal.

Nesta xornada, unha técnica da plataforma Xestiona (da administración electrónica) explicará as novas formas de relación entre as administracións públicas e a cidadanía, empresas, asociacións, etc. O obxectivo e aclarar dúbidas con respecto á realización de trámites pola vía telemática, especialmente no caso dos que antes se facían en papel. O Concello aclara á veciñanza que non é preciso ter coñecementos informáticos previos e anima a participar na xornada, xa que tamén pode ser de axuda para os e as asistentes cando se teñan que relacionar dixitalmente con outras administracións como a Xunta ou a Deputación.

Back to top