Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A ASOCIACIÓN RURAL VIVO DO ORTEGAL, SATISFEITA CO MERCADO DE VERÁN

O Mercado de Verán organizado polo Concello de Ortigueira a instancias da asociación Rural Vivo do Ortegal, que se desenvolveu durante os meses de xullo e agosto, superou as expectativas en canto a número de clientes e a intención da entidade é repetir a experiencia cara ao ano que vén.

Durante todos os domingos de xullo e agosto, o Paseo da Alameda acolleu esta iniciativa, que tivo con regularidade cinco postos de venda de produtos locais, con prioridade para os alimentos ecolóxicos quilómetro 0 ou de tempada, así como aqueles artesáns ou de reciclaxe. Deles, catro eran de Ortigueira e un de Mañón.

Segundo explicaron os organizadores, neste primeiro ano conseguiuse chegar a un grupo numeroso de clientes que acudían cada domingo ao mercado, e a intención é, cara ao próximo verán, intensificar o traballo de promoción anterior para conseguir atraer un maior número de vendedores e consolidar a cita.

Esta é a primeira actividade promovida pola asociación Rural Vivo do Ortegal, que quere organizar tamén algunha outra durante o inverno para continuar a difundir a importancia de consumir produtos locais.

Back to top