Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

‘A ARTE DE COIDARTE’ ABRE UN ESPAZO SOBRE A IMPORTANCIA DO AUTOCOIDADO DEDICADO ÁS MULLERES DE ORTIGUEIRA

“O coidado é un acto revolucionario que empeza por nós mesmas”. Este é o lema do taller ‘A arte de coidarte’, que acaba de finalizar, e co que mulleres de Ortigueira puideron coñecer diferentes técnicas de autocoidado e empoderamento.

A concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) desenvolveron ao longo dos meses de maio e xuño esta iniciativa, que tiña como obxectivo principal reflexionar sobre o tempo e accións que dedicamos ao coidado e ao autocoidado con perspectiva de xénero.

As terapeutas Noelia Darriba e Naiara González guiaron as diferentes actividades do programa, que combinou os encontros presenciais cun grupo de Whatsapp no que cada luns e xoves as trece mulleres participantes recibían diferentes actividades relacionadas co autocoidado. Unha canle de comunicación e apoio no que as usuarias podían expresar os seus pensamentos acerca dos exercicios e resolver dúbidas.

Aprender a administrar o tempo propio, coñecer e practicar accións que axuden a mellorar o benestar emocional, mental e físico e xerar unha rede de apoio emocional e social entre as mulleres foron outros obxectivos para alcanzar nas sesións.

“O programa contou outro ano máis cuns resultados satisfactorios” indicou a concelleira de Igualdade, María Dolores Lamelas, quen afirmou que “este proxecto amosa en cada edición o necesario que é para abrir espazos onde expresarse, escoitarse e autocoidarse, así como para construír técnicas de empoderamento e de autocoñecemento”, sinalou. “Nesta edición tivemos que empregar canles telemáticas ante a evolución da situación epidemiolóxica para chegar a todas as persoas en todo momento, pero agardamos que a vindeira poida volver facerse de forma presencial dentro das medidas que estean vixentes”.

A iniciativa do Concello forma parte do programa de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero cofinanciado pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo.

Back to top