SÁBADO DE CONCERTO E LITERATURA EN ORTIGUEIRA
A actividade cultural deste sábado en Ortigueira vén marcada polo concerto de Ross Ainslie&Tim Edey e pola presentación do libro “Viaxe ao Alén”, de Obdulia Dopico, en San Claudio.
O dúo escocés -que abre a programación do Festival do Mundo Celta no que representa o primeiro concerto do ciclo “Festival no Teatro”, actuará ás 20.00 horas no Teatro de Beneficencia e as entradas pódense adquirir por anticipado a través do correo teatro@festivaldeortigueira.com ou de xeito presencial ata o venres nas oficinas de Cultura do Concello (de 11.00 a 13.00 horas) ou o mesmo sábado desde as 19.00 horas. O prezo é de 4,50 euros.
Polo que respecta á presentación da obra de Obdulia Dopico, terá lugar no Escolar de San Claudio ás 20.00 horas, dentro do ciclo “Libro Vivo”. A autora afincada en Ortigueira brinda en “Viaxe ao Alén” unha nova aventura da sarxento da Guardia Civil Tona Andújar, nesta ocasión relacionada co santuario de Santo André de Teixido.