BORJA QUIZA RECIBIRÁ O PREMIO “O SON DUNHA VIDA” NO II FESTIVAL DE HABANERAS E CANCIÓN MARIÑEIRA DE ORTIGUEIRA
O barítono Borja Quiza será galardoado este sábado 3 de agosto co premio “O son dunha vida” na segunda edición do Festival de Habaneras e Canción Mariñeira de Ortigueira, organizada pola asociación que leva o mesmo nome, coa colaboración do Concello e a Deputación da Coruña. O artista, natural da vila, é un dos barítonos máis importantes do panorama musical nacional e este premio non é máis que un agradecemento do seu pobo polo seu cariño e a súa traxectoria.
A xornada do festival comezará ás 11 da mañá na Biblioteca Municipal cun percorrido polo patrimonio indiano, organizado polo departamento municipal de Turismo. Tamén se poderá facer a partir das 11.15 desde o Centro Cultural Libro Vivo de San Claudio. As inscricións para participar na actividade deberán realizarse por teléfono no 981 974 103. Ás 12.00h inaugurarase a exposición do pintor cubano David Prieto-Puga Abeleo no Claustro do Concello e, ás 13.00h, nese mesmo lugar, actuará o Coro de Espasante, dirixido por Marisa Novo.
A partir das 20.00h haberá un desfile de época pola Praza Isabel II e polo Cantón e, media hora máis tarde, ás 20.30h, comezarán as actuacións musicais. Os encargados de amenizar a noite son O Grupo de Guitarras da Escola de Música de Ortigueira, dirixidos por Xurxo Iglesias; a Rondalla de Cariño, dirixidos pola xa mencionada Marisa Novo; o Coro Son Astur de Oviedo, dirixidos por Javier Mejuto; o Coro Tempus Fugit de Viveiro, dirixidos por Javier Fajardo; e a Coral Polifónica “El Eco” de A Coruña, dirixidos por Pedro Martínez Tapia.
A xornada concluirá coa entrega do premio a Borja Quiza e coa interpretación do Himno Galego dirixida por Marisa Novo.
Por outra banda, a Asociación de Comerciantes organiza durante a fin de semana (sábado e domingo) unha feira con artigos de outlet na Alameda. Todas as persoas que queiran acercarse ao lugar poderán facelo de 10.00 a 21.00h.