Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

TERRAS DO ORTEGAL DESENVOLVE UNHA INTENSA ACTIVIDADE CULTURAL ESTA FIN DE SEMANA

O colectivo Terras do Ortegal organiza hoxe unha conferencia sobre o Camiño a Santiago ao seu paso pola Mariña lucense e o Ortegal impartida por Xoán Ramón Fernández Pacios, responsable do Centro de Interpretación do Camiño Norte, en Mondoñedo, investigador e experto nesta ruta xacobea.

A disertación, que leva por título “O Camiño de Santiago pola Mariña lucense e o Ortegal. Un camiño con pasado e con futuro”, inclúese dentro das II Xornadas Terras do Ortegal e dará comezo ás 20.30 horas no teatro de Beneficencia, con entrada libre.

O conferenciante será presentado por Emilio Castro Fustes, mestre e exdirector do Museo Pedagóxico de Galicia.

A actividade cultural en Ortigueira continuará o sábado 6 de xullo con outra actividade que tamén organiza Terras do Ortegal e que consistirá na colocación dunha placa dedicada á escritora Elena Quiroga de Abarca na que foi a súa residencia de verán. O acto está previsto para as 13.00 horas no devandito edificio (Avenida Escola de Gaitas, 72) e será presentado polo profesor de Lingua e Literatura Galega Bernardo Penabade Rei.

A iniciativa completarase coa presentación do libro “Elena Quiroga e Ortigueira”, de Alfredo Torres Bouza. A autora recibiu o Premio Nadal no ano 1950 por “Viento del Norte”, que foi concibido en Ortigueira. A casa onde pasou o verán no que estivo a traballar nesta obra é un edificio modernista de 1921 deseñado polo arquitecto coruñés Leoncio Bescansa, baixo a dirección do enxeñeiro suízo Mathias Wirtz

Back to top