O CONCELLO ACOMETE UNHA IMPORTANTE INTERVENCIÓN NA RESIDENCIA DOLORES DÍAZ DÁVILA ACONDICIONANDO O ESPAZO EXTERIOR PARA AS PERSOAS MAIORES
O Concello de Ortigueira levará a cabo unha importante intervención na residencia de ancianos Dolores Díaz Dávila con cargo ao POS+ da Deputación correspondente a 2018, por un importe total de 117.000 euros. A obra, que ten como obxectivo mellorar a contorna para que as persoas maiores poidan gozar do espazo exterior ao centro, executarase en dúas fases, a primeira delas -adxudicada á empresa Silber Ordes S.L.- a piques de comezar.
A esta primeira actuación destinaranse 33.458,79 euros e contempla o cambio de pavimento dos paseos para que non sexan deslizantes e a instalación dunha varanda para que os usuarios e usuarias do centro poidan camiñar suxetándose a ela, así como a colocación de bancos e papeleiras e a plantación de árbores para dar sombra. Tamén se habilitará unha zona de estar para os e as residentes e abrirase unha nova porta na parte de arriba das instalacións que permita aos coidadores ter control sobre os accesos.
O resto das actuacións veñen de saír a licitación cun presuposto de 84.159,42 euros e procedemento aberto. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 27 de maio para presentar as súas ofertas e a información sobre a convocatoria está colgada no perfil do contratante da páxina web do Concello. Esta segunda fase das obras contempla un patio exterior cuberto e unha actuación para ocultar da vista os contedores, construíndolles un aloxamento cunha rampla que permita descargalos cómodamente.
O alcalde, Juan Penabad Muras, destacou a importancia destas intervencións porque a residencia non ten nestes momentos un espazo exterior acondicionado para que os usuarios e usuarias poidan saír a dar un paseo ou merendar. Trátase de habilitar “unha zona agradable e máis saudable” que repercutirá tamén, dixo, na calidade de vida dos residentes.