CONCELLO DE ORTIGUEIRA ESTABLECE UNHA AXUDA DIRECTA DE 300 EUROS PARA OS NACEMENTOS E ADOPCIÓNS QUE SE PRODUZAN ESTE ANO
Co obxectivo de contribuír a frear a perda de poboación, o Concello de Ortigueira vén de convocar unhas axudas complementarias de apoio ás unidades familiares que se concederán directamente ás persoas que cumpran os requisitos establecidos nas bases e que consistirán nun pago único de 300 euros. A súa finalidade é axudar a fixar poboación no ámbito territorial de Ortigueira e contribuír a alixeirar a carga económica que supón a chegada dun novo membro á familia por calquera dos procedementos contemplados na lexislación vixente.
O orzamento destinado a estas subvencións é de 6.000 euros e serán compatibles con calquera outra que concedan o resto das administracións. O Concello non outorgará máis dunha axuda por nacemento ou adopción, pero no caso de partos ou adopcións múltiples os solicitantes poderán percibir o 100% adicional por cada fillo ou filla.
Desta convocatoria poderanse beneficiar as persoas residentes no concello de Ortigueira que teñan un fillo ou unha filla entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019, tanto por natureza como por adopción ou en situación de garda con fins adoptivos. Nos casos de nulidade, separación ou divorcio a axuda entregarase ao proxenitor/a que teña a custodia.
Son requisitos para optar á subvención:
-Estar empadroado/a no Concello de Ortigueira como mínimo seis meses antes da data de solicitude.
-No caso de familias monoparentais a persoa solicitante terá que ser a que conviva co fillo/a.
-Os fillos e fillas terán que empadroarse en Ortigueira e haberá un compromiso de permanencia tanto deles como dos seus pais dun mínimo de dous anos.
-Os e as solicitantes terán que estar ao corriente das súas obrigas tributarias e non ter incurrido nalgún dos supostos legais de prohibición da percepción de subvencións.
-A unidade familiar non poderá ter unha renda superior a tres veces o IPREM para o 2018.
As solicitudes poderanse presentar ata o 15 de decembro e para os nacementos e adopcións producidos entre esa data e o 31 de decembro amplíase o prazo ata o 15 de xaneiro.