Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE RECIBE AO ALUMNADO DE MADEIRA E MOBLE DO IES ORTIGUEIRA PARA AGRADECERLLE A FABRICACIÓN DA CARROZA DA CABALGATA DE REIS

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, recibiu onte no Concello ao alumnado dos ciclos de Madeira e Moble do IES Ortigueira para agradecerlles a fabricación da carroza da Cabalgata de Reis, que foi unha sorpresa para todos os veciños e veciñas e que estaba inspirada na película Star Wars. Muras invitou ademais aos dous estudantes que obtiveron o terceiro posto no último certame de Formación Profesional Galicia Skills, Gabriela Alexandra Cabral Freitas e Francisco Soengas González, a firmar no Libro de Honra do Concello.

O alcalde destacou na súa intervención diante dos mozos e mozas a importancia do sector forestal e da madeira na nosa Comunidade e insistiu na necesidade de reforestar con árbores autóctonas e nobres, unha cuestión na que fixeron fincapé os profesores para asegurar que “a madeira é o material do século XXI”. Muras agradeceu traballo realizado polo alumnado para a confección da carroza e a colaboración dos centros educativos, dos que dixo que son o futuro da nosa sociedade. O profesorado do instituto expresou, pola súa banda, o orgullo pola capacidade de traballo dos e das estudantes.

Back to top