O ALCALDE LAMENTA QUE O PLENO NON APROBASE RECUPERAR A XESTIÓN DUNS MONTES CONSORCIADOS COA XUNTA PARA ENTREGARLLA Á VECIÑANZA
O alcalde de Ortigueira, Juan Pebanad Muras, expresou o seu fondo desgusto polo rexeitamento no pleno de onte da proposta para cancelar os consorcios que o Concello ten en vigor coa Consellería de Medio Rural en relación coa titularidade de sete montes do municipio. A decisión impedirá sacar adiante a proposta do goberno de recuperar a autonomía municipal e a xestión directa destes recursos para darlles participación aos veciños e veciñas tanto na súa xestión e coidado como nos beneficios xerados.
O alcalde explicou no pleno que este tipo de montes diferéncianse das comunidades de montes veciñais en man común -onde o aproveitamento corresponde exclusivamente á comunidade titular- en que a titularidade está restrinxida ao Concello pero do seu aproveitamento benefícianse “o común dos veciños”. O feito de ter consorciada a xestión coa Xunta dificulta, segundo Muras, este beneficio veciñal. A situación actual dos montes remóntase ao século pasado e baseouse no seu día nunha lei de 1941 que tiña, lembra o alcalde, “unha clara vocación centralizadora dos recursos forestais”. Nestes momentos, a xestión corresponde á Administración Forestal, salvo que esta autorice que poida pasar á entidade titular (o Concello). Por este motivo, os veciños e veciñas vense privados do aproveitamento da madeira e de calquera outro que sexa incompatible coa repoboación forestal, e os ingresos que se poidan xerar correspóndenlle á Xunta e á administración local.
A pretensión do goberno local era recuperar a xestión para entregarlla á veciñanza, acordando con eles unha ordenanza de xestión de forma consensuada, saíndo así da “foto fixa do século pasado e do inmobilismo para camiñar cara a unha xestión corresponsable e sostible destes recursos”.
A votación no pleno, con cinco concelleiros a favor e cinco abstencións (PP e non adscritos), non permitiu aprobar a proposta.