O Concello de Ortigueira é un dos concellos declarados zona infestada e nos que se ten a obriga de implementar medidas para a erradicación e control da chamada polilla guatemalteca da pataca, detectada en Galicia po primeira vez en agosto do ano 2015.
As medidas a adoptar son:
Existen restricións e control de movementos de pataca dentro das zonas infestadas polo que:
a) Prohíbese o movemento de patacas procedentes das zonas infestadas, salvo que se realice baixo control oficial cara a vertedoiros autorizados.
b) A entrada e circulación de pataca de consumo nas zonas infestadas realizarase exclusivamente para o consumo directo e irán preparadas e envasadas para o consumidor final.
c) As entradas e saídas de pataca dos almacéns realizarase de forma que se evite a infestación, e sempre en vehículos protexidos fisicamente para evitar a contaminación. As patacas comercializadas só poderán proceder de zonas libres da praga.
d) Prohíbese a saída de pataca de consumo das zonas infestadas, unha vez que estas fosen almacenadas en instalacións situadas nestas zonas. Para iso recoméndase non almacenar grandes cantidades de pataca e, de tal xeito, evitar excedentes.
e) Para o transporte de patacas aos almacéns situados dentro das zonas infestadas deseñaranse rutas de repartición de forma que as últimas descargas poidan realizarse nestes almacéns e que o vehículo empregado saia baleiro destas zonas.
f) Realizaranse unha serie de medidas de hixiene nos vehículos de transporte que aseguren a limpeza e a eliminación da terra residual, de tal xeito que se garanta que a praga non se poida establecer nin propagar fóra das zonas infestadas.
g) Evitarase o tránsito no transporte de patacas de consumo con entrada e saída dunha zona infestada se non se vai facer ningunha descarga dentro dela. No caso de ser necesario o tránsito por estas zonas, o camión deberá ir totalmente pechado cunha estrutura ríxida ou cunha lona protectora que se axuste perfectamente coa caixa do camión e impida calquera contacto dos tubérculos co exterior. Os vehículos non deberán estacionarse nestas zonas máis que o tempo necesario para os descansos obrigatorios do transportista e deberán abandonalas o máis axiña posible co fin de evitar o risco de contaminación.
Para mais información, pode descargarse o folleto informativo dispoñible na seguinte ligazón:
VER PDF Folleto informativo polilla guatemalteca da pataca