CONVOCAN UNHA POXA PARA ADXUDICAR OS POSTOS DE RESTAURACIÓN DO FESTIVAL DE ORTIGUEIRA
O Concello de Ortigueira convoca un procedemento de poxa para a instalación dos 17 postos provisionais de alimentación e bebida que funcionarán do 12 ao 17 de xullo, coincidindo coa celebración do Festival do Mundo Celta.
No casco urbano instalaranse 13 postos, oito no peirao e os xardíns e cinco na alameda. Neles poñeranse á venda bebidas, snacks e alimentos similares non elaborados nin en quente.
A zona de Morouzos é a reservada para alimentación, con instalacións tipo food-truck preferentemente, e intentarase favorecer a variedade. Reservaranse dous para a estrada da praia, un para a rotonda de acceso e outro para o aparcamento do campo de fútbol.
A convocatoria fixa custos máximos para algunhas bebidas e fixa uns prezos de poxa que van dos 300 euros para o posto máis barato -o da rotonda de San Martiño- ata o 3.500 dos máis caros, que son as barras da alameda.
O prazo de presentación de ofertas é de 15 días desde a publicación do anuncio no BOP.