Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O Concello finaliza o proceso de estabilización e rebaixa a interinidade do persoal municipal ata o 5,6%

O Concello de Ortigueira logra a redución drástica da porcentaxe de interinidade no seu persoal municipal, que pasou do 66,12% en 2018 ao 5,6% en 2024. Este avance culmina con éxito o proceso de estabilización de persoal, cumprindo co prazo establecido polo Goberno central para finais deste ano.

En 2018, a interinidade marcaba unha preocupante cifra do 66,12%, con 85 vacantes de praza fixa e 80 delas cubertas por persoal interino. Catro anos despois, en 2022, aínda que se deron pequenos pasos adiante, a porcentaxe seguía sendo demasiado alto, situándose no 60,8%. Con todo, a xestión do actual goberno local, liderado por Valentín Calvín, permitiu completar o proceso de estabilización antes do prazo límite do 31 de decembro de 2024, deixando só 7 prazas cubertas por interinos dun total de 125.

Valentín Calvín destacou a importancia deste logro tanto para o bo funcionamento da administración como para os dereitos laborais dos traballadores: “Cando asumimos a responsabilidade de gobernar, atopámonos cunha situación alarmante que levaba anos sen resolverse e con moi pouca marxe de manobra. A pesar de que o anterior alcalde afirmaba que sería imposible chegar a tempo, comprometémosnos a priorizar esta cuestión, e hoxe podemos dicir con orgullo que cumprimos. Ortigueira ten agora un persoal máis estable e preparada para responder as necesidades dos seus veciños”.

O alcalde tamén subliñou que este avance reforza a confianza na administración pública e mellora os servizos ofrecidos á cidadanía. “Un persoal estable non só beneficia aos traballadores municipais, senón a todos os orteganos e orteganas, que terán á súa disposición unha administración máis eficiente e comprometida”, afirma o rexedor.

O goberno local celebra esta mellora como unha vitoria compartida e reafirma o seu compromiso con seguir traballando para consolidar un modelo de xestión baseado na eficacia e a estabilidade.

Back to top