Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

As praias de Ortigueira terán socorristas este verán despois de anos co servizo mermado

Dez socorristas comezarán mañá luns, 15 de xullo, a súa actividade nas praias de Ortigueira e Espasante, recuperando un servizo que o goberno local, dirixido por Valentín Calvín, tivo sempre como unha das súas prioridades.

O rexedor afirma que “ao fin logramos traer de volta un servizo básico para mellorar a calidade e a seguridade nos nosos areais, un dos principais recursos turísticos do noso concello e que atrae a miles de visitantes cada ano”. Calvín salienta en que “este é un recurso que Ortigueira nunca debeu perder” e que, se se recuperou “é grazas á implicación deste goberno e á inestimable colaboración da Xunta de Galicia”.

O alcalde celebra que “a pesar de todas as dificultades, incluído o voto en contra de toda a oposición, conseguimos traer de volta o socorrismo e o salvamento ás nosas praias, que tamén son un motor económico de Ortigueira”. Lamenta que “desde 2016 o servizo vísese minguado en persoal ou mesmo suprimido pola falta de compromiso dos anteriores dirixentes municipais”.

Cabe destacar que nove socorristas, todos contratados polo Concello de Ortigueira, é o número máis alto de profesionais desde hai case unha década, cando se agudizaron os problemas de contratación de persoal nesta materia.

SEDE DE FORMACIÓN

Esta non é a primeira iniciativa que o actual goberno local de Ortigueira realiza en materia de recuperación da calidade dos areais do municipio. Por unha banda, tamén relacionado co socorrismo, a vila foi unha das sedes da formación específica en socorrismo en Galicia esta pasada primavera.

A isto hai que sumar que o goberno local segue traballando en dotar aos socorristas duns medios técnicos adecuados para desenvolver as súas funcións. Á súa entrada no goberno, o executivo local atopouse cun material nun estado inservible, provocado polo abandono ao que se someteu durante anos previos. Dous das zódiacs de propiedade municipal estaban completamente inservibles, mentres que a terceira terá que ser reparada por completo.

Ademais, tamén se estiveron realizando diversas actuacións para mellorar o estado e a accesibilidade dos areais. Un exemplo é a obra na praia da Concha, na parroquia de Espasante, onde o Concello reparou as ramplas de acceso, permitindo ás persoas con mobilidade reducida chegar ata a caseta de salvamento e facilitando a transición das cadeiras de rodas convencionais ás específicas para o seu uso nas praias.

“DEVOLVER A CALIDADE ÁS PRAIAS”

A suma de todas estas accións desenvolvidas desde o consistorio teñen un único obxectivo: “Devolver a calidade ás praias de Ortigueira”, declara Valentín Calvín. A recuperación do servizo de socorrismo e salvamento é un dos pasos necesarios para que os areais recuperen as Bandeiras Azuis, o selo de calidade de máis alto nivel ao que poden acceder.

Cabe lembrar que Ortigueira chegou a contar con cinco destes distintivos e, desde 2017, por mor da falta de mantemento e eliminación de servizos nos areais, non se consegue ningunha despois da perda do selo na praia de Morouzos.

Back to top