O CONCELLO PON A DISPOSICIÓN DA VECIÑANZA DÚAS NOVAS FERRAMENTAS DE COMUNICACIÓN ONLINE
Unha webapp facilitará o intercambio de información entre o goberno e a cidadanía mentres se elabora a nova páxina web / O servizo “Participa Ortigueira” transmitirá as noticias municipais e a axenda de eventos.
Co obxectivo de manter abertas tódalas canles de comunicación coa veciñanza e de favorecer o seu acceso á información que xera o Concello, o goberno de Ortigueira vén de poñer en marcha dúas iniciativas online. A primeira é unha webapp á que se pode acceder desde calquera dispositivo móbil tecleando a dirección www.concellodeortigueira.es.
Trátase dun sistema que estará operativo mentres se desenvolven os traballos de elaboración da nova páxina web e que permite estar ao día das novas municipais e dos eventos organizados polo Concello, facilitando ademais a administración electrónica a través das diferentes pestanas. Os veciños e veciñas teñen a posibilidade engadida, pola súa banda, de transmitir avisos ou incidencias incluso acompañando fotografías, para que a administración municipal poida actuar en consecuencia. Tamén hai un apartado de suxestións, de xeito que o goberno terá unha nova vía de comunicación para coñecer as inquedanzas da cidadanía. A web app complétase co acceso á sede electrónica e o perfil do contratante e cun taboleiro de anuncios.
A segunda iniciativa é “Participa Ortigueira”, un servizo de whatsapp a través do que os veciños e veciñas poden recibir información das novas do Concello e transmitir as súas propostas. Para se dar de alta é necesario engadir o número de teléfono 653 47 50 70 aos contactos e enviar un whatsapp co texto “alta información Concello de Ortigueira”, co que empezarán a chegar as notificacións.
A concelleira Vanesa Trevín explicou, con respecto á webapp, que a finalidade é darlle dinamismo á información do Concello mentres non estea rematada a nova web. Polo que respecta ao servizo “Participa Ortigueira” lembrou que é un tema que levaban no programa electoral e que supón un paso máis no obxectivo de ser un goberno próximo á cidadanía. Neste sentido engadiu que se ben os catro concelleiros atópanse accesibles persoalmente para a veciñanza, “non chegamos a todo”. A través da WebApp abren unha nova canle de comunicación que é especialmente interesante para os máis novos e que permite ademais facer chegar á administración as inquedanzas ou necesidades de maneira anónima. A información non só permitirá ao goberno atender estes requerimentos senón planificar as súas liñas de actuación para os vindeiros anos.