Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Ortigueira despide o seu verán cun total de 14 roteiros de sendeirismo entre agosto e setembro

O Concello de Ortigueira programa 14 novos roteiros de sendeirismo para despedir este verán.

Na primeira saída, que se celebrará este mércores, 16 de agosto, realizarase o Roteiro das Lendas da Faladora, un percorrido de 6 quilómetros de baixa dificultade. A saída será ás 10 horas da Oficina de Turismo en coche propio. O mesmo percorrido repetirase o domingo, día 20.

O segundo roteiro, que terá lugar o venres 18, será polos cantís Espasante-Celtigos. Terá unha duración aproximada de 10 quilómetros e dificultade media. A saída será ás 9:38 horas no FEVE desde Ortigueira e o regreso ás 16:43 horas desde Espasante. O mesmo percorrido poderá facerse o sábado, 30 de setembro.

Na saída do mércores 23 o paseo será a beira do río Mera. O roteiro, de dificultade media-alta, terá 10 quilómetros. O punto de partida será ás 8:43 horas desde a Estación de FEVE de Ortigueira e o regreso ás 15:48 desde Santa Mª de Mera. O mesma camiñada farase o sábado, 9 de setembro. Nesta ocasión a volta efectuarase ás 15:24 horas.

O venres 25 de agosto e o sábado 23 de setembro poderemos coñecer as marismas de San Adrián. Nesta ocasión serán 10 quilómetros de percorrido de baixa dificultade. O inicio será ás 8:43 no FEVE desde Ortigueira e o regreso ás 14:11 horas desde Ponche Mera na primeira sesión e ás 15:29 a segunda, ao tratarse de fin de semana.

Agosto despídese co Roteiro do Casón, un percorrido de 6.5 quilómetros e dificultade media que se repetirá o 27 de setembro. A partida será ás 10:00 horas da Oficina de Turismo, en vehículo propio.

A Intermareal Ladrido e Espasante será o primeiro e terceiro itinerario de setembro, o sábado 2 e o mércores 13. Son 8.5 quilómetros de baixa dificultade. A saída será ás 9:38 horas no FEVE desde Ortigueira e a volta ás 16:43 desde Espasante.

Por último, o mércores 6 e o sábado 16 de setembro terá lugar o roteiro dos Cantís Loiba-Esteiro. 8 quilómetros de percorrido con marabillosas vistas e de baixa dificultade. A saída será ás 9:38 horas no FEVE desde Ortigueira e o regreso ás 16:35 horas desde Loiba.

Para completar estes roteiros é recomendable levar calzado apropiado para facer sendeirismo, bastón, roupa cómoda, auga e algo de comida.

Todas as persoas que desexen participar nas camiñadas poderán inscribirse na oficina de turismo de Ortigueira ou chamando ao teléfono 981 422 089.

 

Back to top