Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Ortigueira consolídase como sede da Universidade Sénior cunha nova edición do programa de formación para adultos maiores

  • O Teatro da Beneficencia acollerá entre abril e maio dúas sesións semanais teóricas e prácticas sobre patrimonio, ciencia ou saúde.
  • O prazo para matricularse abre hoxe e finaliza o 15 de abril. A inscrición pódese certificar tanto de maneira en liña como presencialmente no departamento de Cultura do Concello.

Ortigueira consolídase como sede da Universidade Sénior, un proxecto da Universidade da Coruña para persoas maiores de 50 anos. O municipio acollerá entre abril e maio a terceira edición do Programa de Formación Universitaria Específico para os adultos maiores.

O Teatro da Beneficencia será o espazo no que terá lugar a iniciativa educativa, que consta de tres módulos: Patrimonio Social e Cultural, Ciencia e Tecnoloxía e Saúde e Benestar. Así, desde o mércores 19 de abril e ata o 1 de xuño están previstas dúas sesións teóricas ou prácticas á semana impartidas por profesorado da Universidade da Coruña.

A amizade, a muller e o mar, a arquitectura en Estaca de Bares, os fósiles, a xeobotánica, o exercicio terapéutico ou a nutrición son algunhas das temáticas das 12 sesións que, en total, compoñen o programa.

O prazo de matrícula está aberto desde hoxe, luns 20, ata o 15 de abril. A inscrición realízase de maneira en liña (https://universidadesenior.org/ortigueira/inscricion-2023-ortigueira/), pero o Concello de Ortigueira ofrece a posibilidade de matricularse desde o Departamento de Cultura ás persoas que non teñan internet ou non dispoñan dos coñecementos informáticos necesarios para matricularse.

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, expón que “tanto para min como para a concellería de Cultura é moi positivo que Ortigueira repita como sede da Universidade Sénior, pois supón a súa consolidación como espazo de formación para adultos maiores e ademais permite o achegamento dos coñecementos e a investigación universitaria á nosa poboación”.

Back to top