Ortigueira organiza catro rutas de sendeirismo para o mes de febreiro
- As saídas serán a Corbelle de Arriba, Miradoiro da Miranda, ao viaduto de Mera e á Capela de Portas
- Realizaranse os sábados 4, 11, 18 e 25 de febreiro
- Están enmarcadas na programación anual do Concello, que realizan este tipo de saídas desde o mes de outubro ata maio
Ortigueira programa catro rutas de sendeirismo para os sábados do mes de febreiro.
Na primeira saída, que se celebrará este sábado, 4 de febreiro, realizarase unha ruta transversal por Corbelle de arriba. Será un percorrido de 9 quilómetros, con 400 metros de desnivel. A saída será desde as 10 horas na Estación Feve de Ortigueira.
A segunda camiñada, que terá lugar o sábado 11, levaraos ata o Miradoiro da Miranda. Terá un desnivel acumulado de 650 metros e unha lonxitude de aproximadamente 12,5 quilómetros. A saída será ás 10 horas desde a Estación Feve de Ortigueira ou ás 10:30 horas da gasolineira Ortegal-Oil Cariño.
A ruta do sábado 18 será unha traxectoria circular polo viaduto de Mera. Conta cun desnivel de 200 metros e unha lonxitude de 9 quilómetros. A saída será ás 10 horas desde a Estación de FEVE de Ortigueira ou ás 10:30 horas desde Pontenoval.
A última ruta, que se celebrará o día 25, será unha ruta á Capela de Portas (Devesos), contará cun desnivel acumulado de 500 metros e a súa lonxitude é, aproximadamente, de 13 quilómetros. A saída será ás 10 horas desde a Estación de FEVE de Ortigueira ou ás 10:30 horas desde o Centro Social de Devesos.
Para completar estas rutas é recomendable levar calzado cómodo, auga e algo para comer.
Estas camiñadas forman parte da programación anual do Concello de Ortigueira, que programa roteiros durante os meses de outubro, novembro, decembro, xaneiro, febreiro, marzo, abril e maio, coincidindo coa tempada escolar, co obxectivo de promover os hábitos de vida saudables e fomentar a práctica deportiva.