O Concello de Ortigueira demolerá un dos tres bloques de vivendas dos mestres, para ampliar a contorna do CEIP José María Lage
- O importe da licitación da obra é de 90.851 euros, que será financiada con fondos do orzamento municipal
- Juan Penabad incide na necesidade de “demoler este bloque de vivendas, favorecendo a seguridade da veciñanza, sobre todo dos nenos e nenas do colexio, ao mesmo tempo que acabamos cun feísmo na vila”
O Concello de Ortigueira aprobou o expediente para licitar a demolición dun dos tres bloques de vivendas dos mestres, situado na rúa Pedro Castiñeiras, na contorna do CEIP José María Laxe.
O importe da licitación elévase ata os 90.851 euros, que serán financiados a través do orzamento municipal.
O bloque de edificios atópase nun estado deteriorado, xa que é unha construción antiga, en concreto do ano 1975, e non cumpren as normas de habitabilidade, polo que están incapacitadas para albergar calquera uso residencial.
En consecuencia, a administración local procederá á súa derriba para mellorar a seguridade dos veciños e ampliar a contorna do colexio de educación primaria.
Con esta liberación de espazo procederase a incrementar o espazo verde, as beirarrúas e establecer unha vía máis ampla. Como resultado da actuación obterase un espazo público máis humanizado e de calidade, especialmente para o goce dos nenos, que son os principais afectados pola problemática da zona.
O alcalde, Juan Penabad, incide na necesidade de “demoler este bloque de vivendas, favorecendo a seguridade dá veciñanza, sobre todo dos nenos e nenas do colexio”.
O rexedor puntualiza que “os seguintes pasos que daremos desde o goberno municipal irán encamiñados a demoler os restantes bloques, incrementando a zona verde e ampliando a contorna do CEIP, creando unha espazo público de calidade que se fusione coa contorna do noso municipio”.