Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A Deputación da Coruña vén de aprobar en pleno 536.000 euros para rematar a estrada que da acceso aos cantís de Loiba

  • Para Juan Penabad, o alcalde, o importante é que a estrada estea finalizada canto antes, e que o resultado sexa satisfactorio
  • O rexedor quere “pedir desculpas á veciñanza de Loiba por todas as molestias ocasionadas polo alongamento desta actuación, coa esperanza de poder rematar a obra o antes posible, ofrecendo unha infraestrutura de calidade para o beneficio dos veciños”

A Deputación da Coruña aprobou no pleno celebrado este venres a dotación de 536.000 euros para rematar a estrada que da acceso aos cantís de Loiba. O alcalde, Juan Penabad, quere “pedir desculpas á veciñanza de Loiba por todas as molestias ocasionadas polo alongamento desta actuación, coa esperanza de poder rematar a obra o antes posible, ofrecendo unha infraestrutura de calidade para o beneficio dos veciños”.

As obras consisten, por unha banda, na reparación das zonas defectuosas do firme, o perfilado dos laterais con risco de desprendemento, o acondicionamento dos illotes das novas interseccións executadas no contrato anterior e a corrección dalgunhas actuacións de drenaxe.

Ademais, inclúese a finalización das obras necesarias de drenaxe mediante a construción de cunetas de formigón e a colocación de pequenos tramos de colectores, e o estendido dunha nova capa de rodaxe previa corrección de zonas moi deformadas onde será necesario aplicar recrecidos previos.

Tamén se repoñerá un tramo de abastecemento pendente, trasladaranse tres postes de electricidade e telefonía e habilitarase a sinalización horizontal e vertical necesaria.

Finalmente, non será posible realizar a ampliación proxectada entre o PK 0+780 e o PK 0+880 sen afectar o ben protexido existente porque se reforzará a sinalización de advertencia de estreitamento. No proxecto tamén se especifica que a mellora da intersección coa estrada DP-6105, da Penela a Loureiro, será obxecto dun proxecto independente onde se incluirán as expropiacións necesarias coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio.

O rexedor lembra que “pese ás constantes alusións da oposición, esta estrada non é de titularidade municipal, aínda que en todo momento estivemos en contacto, tanto co presidente da Deputación como cos diferentes técnicos encargados da actuación, para que a obra se levase a cabo no menor tempo posible, minimizando o impacto para a veciñanza de Loiba”.

Penabad recalca que “o importante é que as obras se inicien canto antes e que o resultado da actuación satisfaga a veciños e veciñas, ofrecendo unha infraestrutura básica de calidade e funcional, que repercuta no beneficio da parroquia”.

 

 

Back to top