Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

Unha vintena de veciñas de Ladrido transmiten o seu legado nunha nova edición do programa ‘Con voz de muller’

  • A iniciativa, impulsada pola concellería de Igualdade e o CIM de Ortigueira, busca apoderar, recuperar e poñer en valor o traballo das mulleres no municipio ao longo da historia.
  • As participantes finalizaron a iniciativa cun paseo polos lugares máis simbólicos para elas na parroquia.
  • As vivencias transmitidas polas ortigueiresas serán plasmadas agora nun libro, que se suma ás publicacións xa realizadas sobre Couzadoiro, San Adrián, Loiba, San Claudio, Espasante e Santiago de Mera.

Un paseo por Ladrido para lembrar o labor das mulleres nesta parroquia ortigueiresa ao longo da historia. Así finalizou o programa ‘Con voz de muller’, que nesta nova edición contou cunha vintena de participantes de 60 a 97 anos.

“Pechamos outra edición desta exitosa iniciativa, coa que recuperamos, damos a coñecer e poñemos en valor o traballo das mulleres no noso municipio ao longo da historia”, sinalou a concelleira de Igualdade, María Lamelas. O proxecto, organizado pola concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Ortigueira, busca apoderar ás mulleres a través de reunións nas que estas narraron as súas vivencias.

A edil e o equipo do CIM de Ortigueira agradeceron a implicación, participación e colaboración das mulleres de Ladrido á hora de desenvolver a proposta. “Foi unha acción moi enriquecedora, de apoio e ata de reencontro tras unha etapa de estar socialmente máis illadas”, indican desde o CIM.

O programa desenvolveuse a través de diferentes xornadas coordinadas polo persoal técnico do CIM e impartidas por Sara Vierna. Nos encontros recompiláronse fotografías, cartas, obxectos e outros elementos que permitiron profundar na vida das protagonistas.

Elas mesmas compartiron a través dos talleres información sobre os espazos que ocupaban, as actividades ás que se dedicaban e diversos aspectos das zonas nas que viven e das que foron axentes de cambio. A última sesión tivo lugar a semana pasada, e nela realizouse un percorrido polos lugares da parroquia máis significativos para elas.

“Agora daráselle forma a todas estas testemuñas, transmitidas a través de documentos e anécdotas, para publicar un libro onde se recolla este legado tan importante para Ortigueira”, informa María Lamelas. A publicación súmase así ás das súas predecesoras de Couzadoiro, San Adrián, Loiba, San Claudio, Espasante e Santiago de Mera.

O equipo de goberno local ten como obxectivo dar continuidade a ‘Con voz de muller’ para impulsar e difundir “a historia viva do noso municipio”, chegando a todas as parroquias.

Back to top