Ortigueira conmemora o 8M con iniciativas para impulsar a igualdade e concienciar contra a violencia machista
- O Concello organiza para o próximo 5 de marzo unha xornada formativa para profesionais de Servizos Sociais, Centros de Información á Muller ou do ámbito sociosanitario.
- O 15 de marzo inaugurarase o patio violeta da biblioteca, un espazo “de igualdade, coeducación e prevención da violencia de xénero”.
- A área de Igualdade do Consistorio levará a cabo dous scape room feministas dirixidos ao alumnado do CEIP José María Lage e do IES Ortigueira.
O Concello de Ortigueira conmemorará o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, con iniciativas formativas e culturais dirixidas ao alumnado dos centros educativos do municipio e á poboación en xeral.
“Un programa co que ofreceremos novos espazos de empoderamento, de reflexión e de sensibilización sobre a igualdade e a prevención da violencia de xénero”, sinalou a concelleira de Igualdade, María Lamelas. A edil destacou dentro das iniciativas a futura apertura do patio violeta da biblioteca municipal, “un espazo dedicado a poñer en valor ou papel da muller na historia”.
Así pois, a axenda con motivo do 8 M dará comezo o próximo día 5 de marzo coa xornada formativa “Desgaste por empatía”, dirixida a profesionais que traballan con persoas en situación de vulnerabilidade. O encontro terá lugar no centro social e as persoas interesadas poderán inscribirse no correo cim@concellodeortigueira.com ata o 4 de marzo. Esta sesión xorde despois da reunión mantida entre todos os departamentos de Servizos Sociais da comarca e está promovida pola Deputación da Coruña para persoal técnico deste ámbito, dos Centros de Información á Muller (CIM) e persoal sociosanitario. As relatoras serán Lola Ferreiro Díaz e Gema Zunzunegui Lamas. As prazas son limitadas.
MÁIS INFORMACIÓN DE ‘DESGASTE POR EMPATÍA’
O propio 8 de marzo, ás 12:00 horas levarase a cabo a lectura do manifesto e concentración diante do Concello e pola tarde, ás 18:00 horas, o espectáculo teatral “ Igualdade, cousa de maxia?” coa maga Fani.
O Concello inaugurará un patio violeta na biblioteca Juan Fernández Latorre
O 15 de marzo inaugurarase o patio violeta da biblioteca Juan Fernández Latorre. “Un espazo dedicado á igualdade, á coeducación e á prevención da violencia de xénero”, sinala a edil de Igualdade, María Lamelas. “Un proxecto que visibilizará ademais ou papel da muller e as obras de importantes escritoras” remarcou. O lugar situarase no patio central das instalacións e nel poderanse atopar libros ou DVDs, entre outros. A iniciativa nace da colaboración da Biblioteca municipal e o CIM de Ortigueira e é financiada a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Actividades para o alumnado dos centros educativos
Ademais das accións mencionadas, a Concellería de Igualdade pon en marcha o proxecto Aulas de Igualdade, en centros educativos do municipio. O do CEIP José María Lage estará orientado a coñecer a biografía de mulleres destacadas polos seus logros aos longo da Historia, mentres que o do IES Ortigueira tratará a prevención contra calquera tipo de violencia machista. Ao longo do mes tamén se levarán a cabo outras propostas nestas aulas.
“A educación en igualdade desde a base é fundamental para construír unha sociedade igualitaria, na que mulleres e homes contemos cos mesmos dereitos, por este motivo é primordial que se leven a cabo este tipo de accións cos máis pequenos e pequenas”, argumentou Lamelas.