O Concello renova as cubertas da Casa Consistorial
- Os traballos permitirán acondicionar o acabado das cubertas, o lucernario existente sobre o Teatro da Beneficencia e realizar reparacións e limpeza nos faldones.
- Muras sinalou a necesidade de acometer este proxecto nun edificio que acolle “servizos básicos dirixidos á cidadanía, polo que cuxa reparación redundará no seu beneficio”.
O Concello de Ortigueira comeza as obras de reparación de cubertas na Casa Consistorial. Os traballos contan cun orzamento de 94.124 euros e permitirán renovar o acabado das cubertas, o lucernario existente sobre o Teatro da Beneficencia e operacións de limpeza nos faldones.
“A Casa do Concello é parte dos servizos básicos que ofrecemos á cidadanía, polo tanto este arranxo redundará en beneficio de todos os veciños e veciñas”, sinalou o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, que destacou que estas instalacións públicas son unhas das máis frecuentadas pola poboación, ao albergar tamén o Teatro da Beneficencia, símbolo de identidade do municipio, polo que “é esencial coidalas”.
Os traballos comezaron esta semana e a través deles substituiranse as tellas dos faldones de cuberta sobre o teatro e un dos que cubre a sala de exposicións. Tamén limparanse e revisaranse o resto da cuberta e se cambiarán as pezas que o necesiten. As obras retirarán toda a tella existente nestas zonas, sendo reutilizada nun 50% para non alterar a estética do edificio, catalogado patrimonialmente.
Ademais, nos dous faldones sobre o teatro proponse tamén a renovación das placas de fibrocemento. Unha medida ca que se dará solución ás goteiras que se podía ocasionar no espazo e que permitirán protexer ao máximo as lonas con pinturas que se atopan no falso teito da estancia.
En canto ao resto da cuberta municipal, proxéctase a limpeza de canais e a substitución de tellas rotas con tella de cerámica curva tipo árabe de dimensións similares as xa existentes. A súa vez, recolocaranse as tellas que estean movidas. No patio interior da construción renovaranse canlóns por uns de sección semicircular de cobre e as baixantes, que serán circulares de aceiro prelacado en cor branca.
Por último, levarase a cabo a mellora da integración do lucernario existente sobre o teatro, disminuíndo así seu volume cunha nova ventá de cuberta integrada. As actuacións están financiadas polo Plan Único da Deputación da Coruña.
“Estas tarefas súmanse a outras de pintado nas oficinas e no claustro. Agora que a situación económica nolo permite, coidar do noso é prioritario, e é a miña obrigación como alcalde mirar polo noso patrimonio, sempre tendo en conta a economía do Concello”, afirmou Muras.