Ortigueira recibe a un grupo de máis de 100 peregrinos do Camiño do Mar e constata que este roteiro ten futuro
- O alcalde Juan Penabad Muras e o presidente da Asociación do Camiño do Mar, Manuel Vicente, acudiron este domigo á alameda de Santa Marta onde se deron cita coa Asociación Amigos del Camino de Santiago, procedentes de Asturias.
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, e o presidente da Asociación do Camiño do Mar, Manuel Vicente, recibiron esta pasada fin de semana na alameda de Santa Marta a un grupo de 130 peregrinos e peregrinas que están a percorrer o Camiño do Mar desde Ribadeo e que chegaron o domingo ao municipio ortegano.
O grupo pertence á Asociación Amigos do Camiño de Santiago Avilés, procedente da veciña Asturias, que realizan cada 15 días unha etapa deste roteiro co obxectivo de cumprir con todas ata chegar a Santiago de Compostela.
“Sodes a mostra de que o Camiño do Mar ten futuro, de que forma parte da nosa historia e de que cautiva á nosa xente pero tamén aos que vides doutras comunidades” sinalou o alcalde de Ortigueira. Pola súa banda, o presidente da Asociación do Camiño do Mar, Manuel Vicente, expresou que “pouco a pouco ou Camiño do Mar é unha realidade, como o feito de recibir a 130 peregrinos constata”.
Penabad Muras argumentou ademais que “este roteiro estase a consolidar como unha oportunidade para o turismo no noso municipio, achegando importantes beneficios á economía local nun momento tan importante para a reactivación económica”, sinalou. O rexedor ortegano apuntou a riqueza paisaxística e cultural da que goza o municipio “que agardo sexa desfrutada por todos e todas vós”.
Credenciais para o Camiño
O Concello e a Asociación do Camiño do Mar seguen colaborando estreitamente e aproveitaron a xornada para anunciar que o Consistorio xa dispón de credenciais para que as persoas interesadas en facer o Camiño ou inicialo en Ortigueira poidan obtelas. Á súa vez, tamén avanzaron que seguen traballando na creación dun selo propio de Concello de Ortigueira para o Camiño do Mar.