Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

A ALAMEDA DE SANTA MARTA, UN ESPAZO MÁIS ACCESIBLE, SEGURO E CON ACCESO GRATUÍTO A INTERNET A TRAVÉS DUN PROXECTO DO CONCELLO

A alameda de Santa Marta será un espazo máis accesible e seguro grazas ao proxecto de acondicionamento do Concello de Ortigueira, que dedicará 59.591 euros á renovación deste espazo. “Na iniciativa tamén damos resposta a unha vella demanda da veciñanza coa instalación dunha zona de acceso gratuíto a wifi”, indicou o alcalde do municipio, Juan Penabad Muras.

A alameda perfílase como un dos lugares máis importantes para os orteganos e orteganas, sede do mercado semanal, as terrazas dos diferentes locais hostaleiros da zona, espazo de xogo para a mocidade e enclave para reunións e paseos. Co obxectivo de facer do lugar un espazo adaptado aos tempos que corren e ás demandas dos veciños e veciñas, o Concello articula unha iniciativa que subvencionará con cargo ao Plan Único da Deputación e que permitirá eliminar obstáculos e solucionar as deficiencias rexistradas.

As actuacións respectarán os emblemáticos plátanos, un total de 54, que son xa sinal de identidade da praza. Co fin de preservalos correctamente, renovaranse os alcorques, que se quedaron demasiado pequenos, o que produce irregularidades no pavimento circundante e provoca caídas e tropezos. Para dar resposta a esta situación, ampliarase a súa dimensión, cambiando a configuración xeral do espazo, pero mantendo o seu aceno de identidade. Encheranse con novo pavimento drenante que permitirá a total nivelación coas baldosas que os rodean, aumentando a seguridade peonil.

Á súa vez, restaurarase o escudo de Ortigueira que se atopa no pavimento, moi deteriorado e cun importante desgaste que dificulta a súa correcta visibilidade. Así pois, utilizaranse materiais similares aos que o conforman, limparase en profundidade toda a súa superficie e aplicarase unha capa protectora que resalte o seu colorido. Tamén se repintará a lenda “Ortigueira” para a súa correcta lectura.

Dentro das obras, dáse resposta a unha vella demanda da poboación, que solicitaba unha zona de libre acceso a Internet mediante tecnoloxía wifi. Crearase, deste xeito, unha zona sinalada para o uso deste servizo, que tamén contará con novo mobiliario.

Pola outra banda, melloraranse as condicións estéticas da zona e adecuarase o murete que pecha un dos laterais da alameda para ser utilizado como asento.

“A alameda é un dos epicentros da vida do noso municipio, un espazo que empregan desde os máis pequenos ata as persoas máis maiores, e necesita adaptarse aos tempos, evolucionando e atendendo ás necesidades actuáis dos nosos veciños e veciñas”, expresou o rexedor Juan Penabad Muras. “Facer dos espazos municipais lugares accesibles a todas as persoas e garantir a súa seguridade é tamén unha máxima para o equipo de goberno local”.

Back to top