Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DESTINA 70.000 EUROS PARA DAR APOIO ÁS ACTIVIDADES E PROXECTOS DE ASPROMOR

O Concello de Ortigueira destina 70.000 euros para dar apoio á Asociación Prol-Minusválidos de Ortegal ( ASPROMOR) na realización de proxectos e actividades neste 2021. O alcalde, Juan Penabad Muras, a presidenta da entidade, Maribel Lorenzo, e a directora técnica, María José Fojo, asinaron esta semana o convenio.

“Con esta achega, desde o Concello queremos colaborar con ASPROMOR, no desenvolvemento das súas tarefas, que son esenciais para garantir o benestar e mellorar a calidade de vida das persoas usuarias e das súas familias, así como ofrecer diferentes servizos que impulsen e protexan a súa autonomía”, indicou o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras.

A través desta subvención, o Consistorio dará apoio á vivenda tutelada da Asociación, que ten como obxectivo proporcionar aos usuarios e usuarias a oportunidade de realizar un proxecto de vida independente, sempre apoiados por persoal técnico, que levará a cabo adestramentos continuados adaptados ás necesidades de cada persoa para adquirir habilidades útiles para o seu desenvolvemento, incrementando a súa seguridade, confianza e autoestima. A axuda do Concello permitirá financiar gastos do persoal que presta este servizo e os gastos xerais do inmoble.

Así mesmo, o subsidio do Concello colaborará na posta en marcha dun servizo de atención terapéutica, para o que realizará previamente unha redefinición operativa integral física, técnica e organizativa de ASPROMOR.

Ademais destes proxectos, a achega económica municipal permitirá financiar gastos de transporte das persoas usuarias ao centro ocupacional da entidade, combustible e seguros de responsabilidade civil; produtos de manutención; material didáctico para a formación ocupacional prelaboral e laboral; organización e participación en eventos e actividades deportivas, de lecer e tempo libre; ou atención ao usuario e usuaria e programas psicopedagóxicos ou de apoio familiar integral, entre outros.

ASPROMOR

ASPROMOR fundouse no 1987 e desde entón dá servizo a persoas con diversidade funcional nos municipios de Ortigueira, Cariño e Mañón. Neste 2021, atende a usuarios e usuarias a diario no seu centro ocupacional instalado no municipio ortegano con capacidade para 40 persoas, que está equipado con diferentes espazos e acolle actividades como talleres de cociña, teatro e psicomotricidade, entre outras. Este conta tamén cun comedor e ofrece transporte para aquelas persoas que residan no rural. A Asociación conta á súa vez cunha vivenda tutelada coa que pretende fomentar a autonomía das persoas con diversidade funcional.

Back to top