A PISCINA DE ORTIGUEIRA REABRIRÁ AS SÚAS PORTAS O PRÓXIMO 6 DE SETEMBRO
O Concello de Ortigueira reabrirá as portas da piscina municipal o próximo día 6 de setembro. O Consistorio acaba de aprobar en xunta de goberno a adxudicación do contrato para a prestación de servizos nestas instalacións deportivas municipais para o próximos tres anos por importe de 414.092 euros.
“Somos conscientes de que este servizo é un dos máis demandados pola veciñanza, por iso desde o Concello intentamos axilizar ao máximo os trámites para poder solventar canto antes as deficiencias que nos impedían proceder a súa apertura”, sinalou o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras. O rexedor indicou ademais que “durante o mes de setembro non se cobrará aos aboados o acceso”.
Así pois, o Concello habilita un protocolo anticovid que contará cun programa de cita previa que permitirá garantir a seguridade de todas as persoas que acudan ao recinto ante esta situación de crise sanitaria xerada pola covid-19. As persoas interesadas en utilizar as instalacións deberán indicar o horario no que acudirán para realizar o seu reserva.
Para iso, deberase chamar ao teléfono da piscina, 981 42 20 26, a partir do día 1 de setembro en horario de 10:00 a 13:00 horas de luns a venres. A partir do día 6, as reservas poderán realizarse tamén chamando ao mesmo teléfono, pero en horario de apertura das instalacións deportivas, é dicir, de 09:00 a 13:00 horas e de 16:30 a 22:30 horas, todos os días.
O rexedor do municipio, Juan Penabad Muras, lamentou “as molestias que se puideran ocasionar por este peche, sobre todo ás persoas que máis o necesitaban por motivos de saúde e tamén aos máis pequeños e pequenas, que non podían divertirse nas instalacións. Desde o goberno local sempre traballamos arreo para axilizar ao máximo os trámites e devolverlle este espazo á veciñanza”.
Nos próximos días o Concello dará máis información sobre os cursos que acollerán as instalacións e a inscrición a estes.