Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O PLENO DÁ O SEU APOIO AOS PROXECTOS DO POS+ E POS+ ADICIONAL, QUE CONTEMPLAN UNHA IMPORTANTE PARTIDA PARA SERVIZOS SOCIAIS E PROXECTOS COMO A INTERVENCIÓN NO CEIP JOSÉ MARÍA LAGE E EN DIFERENTES PISTAS DAS PARROQUIAS

As propostas do Concello de Ortigueira para investir os fondos do POS+ e o POS+ Adicional da Deputación foron enviadas onte ao organismo provincial despois de resultar aprobadas no pleno celebrado o 2 de febreiro. O alcalde, Juan Penabad Muras, agradeceu aos grupos municipais o seu apoio ás iniciativas do goberno e lembrou que detrás da elaboración dos proxectos e da documentación necesaria hai moito traballo técnico e administrativo, polo que expresou a súa confianza en que en breve se poida incrementar o plantel municipal para que o Concello poida ser máis áxil.

Os dous plans aprobados antonte no pleno supoñen un investimento total de 1.125.316,21 euros, o terceiro máis importante da comarca, e permitirán sacar adiante obras que contan xa cos proxectos aprobados pero tamén garantir o funcionamento axeitado dos servizos sociais municipais, unha cuestión especialmente importante nestes tempos de pandemia. Precisamente nesa cuestión incidiron os grupos municipais á hora de dar o seu apoio unánime ao POS+ Adicional, do que 154.800 euros se dedicarán a servizos sociais atendendo ás necesidades expresadas polos propios técnicos. O resto da axuda para gasto social recollida no devandito plan ten como finalidade a adquisición de medios de prevención (EPIS) para profesionais dos servizos sociais e persoas usuarias dos mesmos que non conten con medios (41.042,31 euros), a dotación de axudas económicas para cubrir necesidades básicas para persoas en situacións de vulnerabilidade (30.000 euros) e outras medidas que o servizos sociais consideren imprescindibles e urxentes (15.000 euros).

Polo que se refire ao POS+ supón un total de 884.473,90 euros. Desta cantidade, 240.131,76 euros serán para gasto corrente. E dado que o Concello non ten débedas pendentes con entidades bancarias nin con proveedores, o resto do importe correspóndese con importantes investimentos como a intervención no exterior do CEIP José María Lage, que o alcalde quere que se acometa durante o verán e que xa conta cun proxecto valorado en 157.258,05 euros. Este contempla a renovación de caleiros e baixantes para eliminar as humidades e o aumento da superficie pavimentada con goma continua do parque infantil, onde tamén se substituirá un elemento de xogo e se pintará a malla de pechamento. No pavimento do acceso desde o patio cuberto colocarase unha soleira de formigón armado cun deseño de círuclos en cor no pavimento da zona central para que a rapazada o utilice como espazo de xogo. Renovarase tamén o banco que arrodea a palmeira e colocarase un pavimento granulado que permita a drenaxe do terreo. No acceso principal farase unha beirarrúa máis ampla con material antiesvarante e darase unha pintura antióxido aos elementos metálicos, ademais de substituír as redes das canastras e porterías.

Tamén figura no POS+ a rexeneración de pistas nas parroquias de San Claudio, Mera, O Ermo, As Neves, Devesos, Freires, Couzadoiro, Luama, Ladrido e Loiba, por 241.977,29 euros. Acometeranse ademais outras obras de infraestruturas como o aglomerado en quente das pistas de acceso á igrexa de San Adrián (31.352,27 euros), o rego asfáltico de Mosteiro-Baleo (36.140 euros) e o aglomerado de pistas en Cuíña-Luama (82.990,62 euros).

Neste mesmo punto aprobáronse outros proxectos xa elaborados que se presentan á Deputación para optar aos fondos dun segundo POS+ Adicional. O alcalde explicou que a nova subvención empregarase “ata onde chegue” para sacar adiante algún destes proxectos, que son a mellora da rede de abastecemento no núcleo urbano de Ortigueira (370.954,47 euros); a segunda fase da remodelación da rúa Príncipe (173.836,79 euros); obras de aglomerado quente doutras pistas de San Adrián (73.082,04 euros) e Baleo e Viso (57.196,40 euros); a reparación de fachadas no mercado municipal (45.593,33 euros); o arreglo de cubertas e fachadas do salón de plenos (41.914,46 euros) e a renovación de cubertas no centro social de O Viso (38.943,57 euros).

A obra de a abastecemento suporá substituír as conducións de fibrocemento das rúas Cedeira, Soidade, Praza da Igrexa, Márquez Cortiñas, Príncipe e Manuel San Domingo así como a que discorre pola carreteira municipal e conecta o núcleo urbano desde a rúa Magdalena ata o lugar de Cancelo, cambiándoas por outras de polietileno.

A intervención prevista na rúa Príncipe suporá a colocación dun pavimento con acabado en losa de granito, nova red de pluviais e mellora da rede de saneamento. Tamén se substituirá o colector de subministro de auga e se colocarán novas acometidas domiciliarias. A intervención será aproveitada para facer a canalización soterrada dos servizos de electricidade e telefonía.

As pavimentacións con aglomerado quente nas pistas de San Adrián, Baleo e Viso incluirán tamén o pintado das bandas laterais de carril, a colocación dalgunhas cunetas de formigón e melloras na sinalización.

Pola súa banda, no mercado municipal limparanse e pintaranse as fachadas, ademais de recolocar os elementos soltos da cuberta e instalar novos canalóns e baixantes. Tamén se intervirá no pavimento do acceso posterior. Esta construción data do 1856 e está declarada conxunto histórico-artístico.

A obra prevista no salón de plenos ten como obxectivo reparar as deficiencias dun edificio de estilo barroco que foi construido no 1776. O proxecto inclúe unha actuación na cuberta na que está previsto colocar un 50% de material novo, asi como renovar parte dos canalóns e baixantes e mellorar o acabado das fachadas.

Por último, no centro social do Viso a obra prevista consiste en reparar a cuberta dun dos edificios que conforman o centro con madeira laminada e pizarra tradicional, substituíndo tamén baixantes e canalóns e pintando a fachada. A votación saíu adiante co apoio do goberno e Primeiro Ortigueira e a abstención de PP e Centristas.

Na sesión plenaria aprobouse tamén a conta xeral correspondente ao exercicio do 2019, cos votos a favor do goberno e Centristas e a abstención do PP e Primeiro Ortigueira.

Back to top