Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO SEGUE A MELLORAR O PARQUE MÓBIL DE MANTEMENTO DE ESPAZOS NATURAIS COA NOVA SUBVENCIÓN DO FONDO DE COMPENSACIÓN AMBIENTAL

O Concello de Ortigueira recibiu unha subvención por un importe total de 164.273,37 euros para investimentos e contratacións dentro da anualidade correspondente ao ano 2020 do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta. Como se vén facendo habitualmente, estes cartos -que se conceden como contrapartida polo impacto visual que xeran os parques eólicos asentados no municipio- empregaranse na mellora do parque móbil destinado a tarefas de apoio no mantemento e conservación de espazos naturais e control de emerxencias ambientais e na contratación de persoal.

Unha parte desta axuda económica correspóndese coa adquisición dun vehículo dumper articulado, adxudicado por algo máis de 52.800 euros; outros 52.800 euros sufragan a contratación laboral temporal de dez traballadores durante tres meses, mentres que o importe restante -uns 58.700 euros- subvenciona as obras de mellora das instalacións de calefacción e ventilación na Escola de Música Concello de Ortigueira.

Para firmar o convenio do Fondo de Compensación Ambiental desprazouse ata Ortigueira o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, -que visitaba por primeira vez o concello desde que asumiu o cargoacompañado da directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto. A firma realízase normalmente na Coruña, polo que o alcalde, Juan Penabad Muras, agradeceu o xesto destes responsables de acudir ao municipio e, dentro das limitacións pola situación sanitaria, dispensoulles un recibimento institucional, xa que firmaron no Libro de Honra do Concello e recibiron tamén como agasallo un libro sobre Ortigueira.

Muras aproveitou a visita para urxir a modificación da actual normativa para cubrir as vacantes que se producen nos postos de habilitados. O Concello atópase sen Intervención por unha baixa temporal e a imposibilidade de suplila coas actuáis ferramentas legais está ocasionando graves problemas para sacar adiante cuestións como o POS, a conta xeral ou os orzamentos. O alcalde insistiu en que hai que dar máis flexibilidade a estas substitucións, sobre todo para facer fronte a circunstancias excepcionais como as actuais.

Tamén se tralsadaron aos responsables da Xunta outras demandas que o alcalde vén formulando á administración autonómica. É o caso da mellora do firme e a iluminación do porto ou a instalación de señalización e medidas contra a néboa na estrada das Pontes e a cesión ao Concello do último tramo do polígono de A Rega para aproveitar as parcelas dunha maneira máis axeitada. Esta cuestión, que xa foi solicitada polo alcalde no mandato anterior, púxoa sobre a mesa no úlitmo pleno Primeiro Ortigueira, polo que Muras quixo facerlla chegar aos representantes da Xunta tendo en conta que polas circunstancias sanitarias non puido facerse unha recepción oficial con toda a corporación. No encontro con Trenor e Prieto estaban presentes dous concelleiros do PP, polo que Muras expresou a súa confianza en que se traballe conxuntamente entre goberno e oposición para conseguir estes e outros obxectivos.

Sentencia favorable ao Concello

O alcalde destacou que o Concello aproveita “cada euro” do Fondo de Compensación Ambiental e neste sentido informou de que acaba de dictarse unha sentencia favorable en primeira instancia á resolución do contrato cunha empresa que se comprometera a entregar hai un ano -con cargo a esta mesma subvención- un camión caixa de servizos múltiples e non o fixo no prazo establecido. O importe, 142.780 euros, destinarase ao mesmo fin para o que estaba previsto, xa que é moi necesario para o Concello, aínda que Muras explicou que agardará a que a resolución xudicial sexa firme.

Con respecto ao destino desta última subvención do Fondo de Compensación Ambiental, o alcalde fixo especial referencia ao dumper, un vehículo moi moderno que conta cunha cámara diante como medida complementaria de seguridade. Con el, o servizo de Obras verá reforzado o seu parque móbil, que xa conta cun tractor que pode levar unha máquina limpa-praias ou unha rozadora de cadeas de brazo – empregado no control ambiental da Rede Natura da Ría de Ortigueira e LIC Estaca de Bares- e unha pala retroescavadora mixta para apoiar a este tractor e que ao mesmo tempo está a disposición dos GES para tarefas de prevención de riscos ambientais como os lumes ou para retirar verteduras incontroladas.

O vehículo permitirá a recollida de escombros e restrollos e incluso poderá ser usado como complemento da maquinaria que realiza a limpeza de gabias ou das faixas de biomasa. O servizo de Obras utilizará tamén este vehículo para manter os cortalumes existentes nos montes que son de propiedade municipal e que ocupan unhas 1.800 hectáreas, e o seu uso permitirá apoiar a construción e adecuación de accesos para os vehículos de extinción de incendios no caso de que se declare un lume.

Por outra parte, o dumper resultará moi útil para levar a cabo traballos e actuacións relacionados coa prevención e xestión de sinistros ou risco para persoas e bens: limpeza da capa de rodadura das estradas nas épocas de chuvia intensa; mellora e limpeza das pistas forestais e da canalización dos camiños para impedir que se degrade o contorno; retirada de polas ou árbores tiradas polo vento ou acondicionamento de camiños rurais públicos de saburra, que necesitan aportes constantes de material cando hai moitas precipitacións para deixalos nas condicións axeitadas de seguridade, entre outros fins.

O obxectivo que persegue o goberno municipal coa incorporación desta nova maquinaria, segundo explicou o alcalde, Juan Penabad Muras, é manter en perfectas condicións o termo municipal no que se refire á xestión ambiental, xa que os traballos de recollida de residuos que se realizan durante todo o ano intensifícanse no verán para manter a enorme oferta turística de Ortigueira, que xira en boa parte arredor da riqueza natural do municipio: praias, rutas de sendeirismo polo litoral ou, por exemplo, a costa de Loiba, onde está situado o coñecido como “mellor banco do mundo”, que ten unha afluencia diaria estimada de 800 visitantes.

Back to top