Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

“EN ORTIGUEIRA, POR UN NADAL SEGURO” É O LEMA DA PROGRAMACIÓN DAS FESTAS, CON MOITAS SORPRESAS PARA TODA A FAMILIA

O acendido da iluminación de Nadal o vindeiro domingo marcará o inicio das festas deste ano, diferentes pola situación sanitaria pero que o Concello quere que manteñan o seu espírito aínda que coa necesaria seguridade. Tanto é así que o lema elixido para toda a programación é “En Ortigueira, por un Nadal seguro”, a consigna arredor da que xirarán todas as actividades dun programa aínda por pechar porque -como explicou a concelleira responsable da área de Cultura, Belén Bello- irán incorporándose máis propostas a medida que se garanta que cumplen os estritos requisitos cuxo obxectivo que a Covid-19 non teña espazo nas celebracións.

Como é habitual, os nenos e nenas serán os protagonistas de boa parte da programación, cun contido familiar en relación co que representa tradicionalmente o Nadal. Este ano organizarase un concurso de postais de Nadal -de 3 a 12 anos- para o que se abrirá o prazo de participación a vindeira semana, pero ademais as cartas aos Reis Magos enviaranse nesta ocasión dun xeito especial, a través dun xogo. Os rapaces e rapazas terán que ir axudando ás Súas Maxestades de Oriente cos problemas que lles xurdan seguindo as pistas que aparecerán nuns Códigos QR que terán que atopar e que lles permitirán, unha vez resoltos, enviar as súas cartas.

En canto á programación diaria de decembro, o musical “O libro da selva”, de Avento Producións, fará gozar aos máis novos o luns 7 ás 18.00 horas no Teatro da Beneficencia (3 euros), mentres que o sábado 12 chegará ao mesmo escenario a maxia de Román García e o seu “Labirinto de ilusións” (3,50 euros).

O martes 15 e xoves 17 ás 17.30 será a quenda dos contacontos na biblioteca municipal: para os máis pequenos, de 1 a 4 anos, con Raquel Queizás e “Chimpo de rá” o martes ; e con Xandobela e “O chineiro da tía María” o xoves, para os de 5 a 9 anos. O aforo é limitado polo que se precisa inscrición previa na biblioteca ou a través do teléfono 981 400 101.

Xa na fin de semana, o venres 18 mandará a actualidade, coa presentación do libro “Covid-19”, unha novela escrita polo Club de Lectura durante o confinamento. Será ás 20.30 horas no Teatro da Beneficencia e estará seguida dunha actuación musical. O sábado 19, a Camerata Lírica de España interpretará, tamén no Teatro de Beneficencia, o mellor repertorio de zarzuela a partir das 20.00 horas e cun prezo de venda de entradas de 3,50 euros.

O programa de animación da biblioteca continuará o mércores 23 ás 11.00 horas de novo con Xandobela, pero nesta ocasión cunha actividade musical: “Imos cantar o Nadal”, destinada a nenos e nenas de todas as idades e tamén con inscrición previa.

O día de Noiteboa recibiremos, como todos os anos, a esperada visita de Papá Noel, que chegará ao pavillón municipal ás seis da tarde para escoitar as mensaxes dos nenos e nenas de Ortigueira.

O sábado 26 Dinamo Produccións levarán ao Teatro de Beneficencia a comedia “Por vía oral”, a partir das 20.00 horas e con entradas a 3,50 euros. E para pechar o mes de decembro, a Escola de Música de Ortigueira encherá de melodías o domingo 27 cun concerto virtual que se retransmitirá pola súa canle de Youtube a partir das 20.00 horas. Toda esta programación pode sufrir cambios en función das directrices sanitarias pola crise da Covid-19.

Back to top