Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO MELLORA A CALEFACCIÓN E VENTILACIÓN DA ESCOLA DE MÚSICA AUMENTANDO A SÚA EFICIENCIA E REDUCINDO A FACTURA ENERXÉTICA

O Concello de Ortigueira acaba de recibir as obras de mellora das instalacións de calefacción e ventilación na Escola de Música, xa rematadas e coas que se mellorou a eficiencia de ámbolos dous sistemas e, polo tanto, as condicións nas que se desenvolven as clases. A concelleira de Educación, María Belén Bello Castro, destacou que os traballos que se levaron a cabo benefician tanto ao profesorado como ao alumnado especialmente nestes tempos de pandemia nos que tan importante é manter unha ventilación axeitada.

A obra foi executada pola empresa Gallaecia Works S.L. por un importe de 45.980 euros, que se cofinanciaron a través do Fondo de Compensación Ambiental. A súa realización permitiu cambiar o sistema de calefacción, que funcionaba a base de radiadores e non era suficiente nin efectivo, ademais de xerar un elevado consumo de enerxía. Asemade, instalouse un sistema de ventilación, do que carecía ata o momento a EMCO e que se realizaba aireando naturalmente. Agora, tanto a calefacción como a ventilación están centralizadas e, xunto coas vantaxes para os usuarios da escola, reduciranse a factura enerxética e as emisións.

Back to top