A PROGRAMACIÓN CULTURAL DE ORTIGUEIRA TRAE ESTE MES PINTURA, OCIO INFANTIL, HUMOR E TEATRO
A axenda cultural do Concello de Ortigueira para este mes de novembro trae actividades de ocio infantil e familiar, teatro, un monólogo, unha exposición e iniciativas de formación.
Durante todo o mes, de luns a venres, pódese visitar na sala de exposicións do primeiro andar do Concello a mostra colectiva de pintura “Invenciones”, de Secundino Rivera, Octavio Blanco e Marián Rivera. O horario é de 10.00 a 13.00 horas, con aforo reducido.
Mañá martes, 10 de novembro, haberá unha sesión de contacontos na biblioteca municipal a cargo de Raquel Queizás, que relatará o conto do Xogo de Nano ,para nenos e nenas de un a catro anos de idade. Será ás 17.30, con inscrición previa a través do teléfono 981 400 101.
Desde o luns 16 e ata o día 20 desenvolveranse na Aula CeMIT -de 9.30 a 13.30- un taller de competencias dixitais para mellorar a empregabilidade e un obradoiro de actividades dixitais. A iniciativa está dirixida a persoas desempregadas con tarxeta do Servizo de Emprego activa. O día 27 -neste caso de 9.00 a 14.00 horas- os emprendedores de entre 18 e 35 anos con tarxeta do SEPE activa poderán participar nun Programa de Talento Emprendedor a través dunha tormenta de ideas para xerar proxectos empresariais e fomentar a creatividade individual e grupal. Todas estas actividades faranse en colaboración con Red Araña.
O sábado 21 ás 20.00 horas volve a actividade ao Teatro da Beneficencia, neste caso cun monólogo de Federico Pérez titulado “A noite do capador”. O popular Josito de “Padre Casares” é o responsable deste espectáculo de humor en directo que está levando polos principais escenarios de Galicia. As entradas teñen un prezo de 3,50 euros.
Unha semana despois, o sábado 28, Producións Teatrais Excéntricas representará, tamén no escenario do Teatro da Beneficencia, a obra “Medida x Medida”, baseada na “comedia negra” de William Shakespeare. Será ás 20.00 horas con entradas a 3,50 euros.
Esta programación está suxeita a posibles cambios derivados das restricións que se adopten como consecuencia da pandemia.