Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA EXPRESA O SEU COMPROMISO COAS MULLERES RURAIS E LEMBRA O TRABALLO DO CIM CON ESTE COLECTIVO

O Concello de Ortigueira pon de manifesto o seu compromiso coas mulleres rurais coincidindo coa celebración do Día Internacional que se lle dedica a este colectivo hoxe, día 15 de outubro. A institución municipal lembra asemade o traballo que se desenvolve no Centro de Información á Muller de Ortigueira neste eido.

Hai unhas semanas finalizaba a gravación do documental “O rural de todas”, un proxecto interxeneracional promovido pola Deputación Provincial no que participaron rapazas do municipio e dúas mulleres que contaron a súa experiencia residindo e traballando no rural ortegano. As nenas asistiron a un obradoiro de creación audiovisual e foron, despois, as encargadas de gravar o documental, de próxima estrea e no que Ortigueira foi, con outros catro concellos da provincia, elixida pola Área de Igualdade do organismo provincial para esta iniciativa.

Por outra banda, desde hai anos o CIM participa no proxecto “Con voz de muller”, no que se dá protagonismo ás mulleres das parroquias da zona rural ortegana para que conten en primeira persoa a súa vida, a historia dos lugares onde residen e o papel que as mulleres xogaron nela. Esta iniciativa tense desenvolvido xa nas parroquias de San Claudio, Loiba, Mera e Espasante, e próximamente chegará tamén a Couzadoiro.

Back to top