Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE DE ORTIGUEIRA RECOMENDA CIRCULAR POLA BEIRARRÚA DA DEREITA NO SENTIDO DA MARCHA PARA EVITAR QUE VEÑAN PERSOAS DE FRONTE E FACILITAR O CUMPRIMENTO DA DISTANCIA DE SEGURIDADE

Diante do inicio da desescalada do confinamento, o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, quere insistir na importancia de tomar as medidas de precaución necesarias tanto por parte da poboación en xeral como dos propietarios e empregados de negocios que o vindeiro día 11 de maio poderán abrir ao público. O obxectivo é evitar ao máximo as posibilidades de contaxio da Covid19 para que se poidan seguir as fases previstas cara ao que se denomina “nova normalidade”.

O rexedor recomenda a veciñanza que se transite polas beirarrúas nun único sentido, xa que deste xeito facilítase o cumprimento do mantemento da distancia de seguridade. “Queremos darlle especial importancia á circulación dos nosos veciños e veciñas agora que se atoparán e cruzarán polas rúas”, di Penabad Muras, que lembra que as beirarrúas en Ortigueira non son tan anchas como nas ciudades de gran tamaño e polo tanto resultaría difícil respectar a separación coa persoa que veña camiñando de fronte. A intención é “reducir ao máximo os encontros ou contactos en distancias curtas”, subliña, polo que a proposta é que se utilicen as beirarrúas para camiñar na mesma dirección na que o fan os vehículos pola calzada, é dicir, circulando pola situada á dereita no sentido da marcha.

O alcalde destaca que se trata dunha regra moi sinxela de seguir e que simplifica moito a circulación das persoas, xa que non obriga a invadir a calzada para evitar a quen vén de fronte. Para facilitar aínda máis o seu cumprimento, nas zonas nas que habitualmente hai máis afluencia de persoas colocarase sinalización no comezo de cada beirarrúa, marcando o sentido da circulación e lembrando a distancia que hai que respectar co resto dos camiñantes, tamén cos que avanzan na mesma dirección. “Só nos teremos que preocupar do que vai diante e deixar o espazo adecuado de separación, de dous metros; o que vén detrás terá que facer o mesmo connosco”, explica o rexedor. A súa intención é que esta recomendación estea ben presente para a poboación de Ortigueira nas vindeiras semanas xa que “aínda que ao principio custe adaptarse, ao final será algo beneficioso para todos e todas e reducirá a exposición e risco de contaxio”.

Back to top