O CONCELLO PIDE A COLABORACIÓN VECIÑAL PARA ADOPTAR MEDIDAS DE DESINFECCIÓN NAS ZONAS COMÚNS DOS EDIFICIOS
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, pide a colaboración dos veciños e veciñas do municipio para a posta en marcha dunha nova campaña destinada a aumentar as medidas de desinfección, neste caso nas vivendas e zonas comúns dos edificios.
A iniciativa consiste en que os propios residentes se poñan de acordo entre eles para que alguén se ocupe deste traballo varias veces ao día. Deste xeito, di o alcalde, reforzarse o labor que están a facer os servizos municipais nas rúas, parques e prazas e no mobiliario público. Engade que é moi necesaria, neste período de confinamento, a desinfección dos espazos domésticos, que nestas circunstancias necesitan unha maior vixiancia desde o punto de vista da limpeza. Os pomos das portas, os pasamáns, os botóns do ascensor, as chaves das portas, o teléfono móvil e tamén os zapatos cos que se sae á rúa e a compra teñen que estar limpos e hai que utilizar desinfectantes ou hidroxeles para mantelos nas condicións hixiénicas que eviten a propagación do virus.
O Concello recomenda facer a limpeza xeral cun pulverizador cheo de lixivia rebaixada con auga (para un litro de auga, 10 ml. de lixivia, aproximadamente un tapón por litro). Tamén aconsella colocar na zona do portal un recipiente cunha lámina de auga desinfectante para meter a sola dos zapatos, e algo limpo para secala. No caso das persoas que saquen os cans a pasear teñen que limparlles as patas con auga e xabrón neutro -en ningún caso lixivia- e secarllas. Despois da desinfección hai que esperar 10 minutos para entrar na vivenda. Xa nas nosas casas, é importante ter unha caixa á entrada para deixar chaves e móbiles antes da súa desinfección, agardando de novo 10 minutos antes de volver utilizalos.
Seguindo todos estes consellos, di Juan Penabad, refórzase a protección contra os contaxios, polo que insiste á veciñanza no seu cumprimento.