125 PERSOAS VIAXARÁN DE ORTIGUEIRA A MONDOÑEDO PARA ASISTIR Á OFRENDA Á VIRXE DOS REMEDIOS
O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, será o encargado de realizar este domingo a tradicional ofrenda á Virxe dos Remedios en Mondoñedo, unha cerimonia na que estará acompañado de dous nenos orteganos: Guillermo, de sete anos, e Marta, de tres e medio. Con motivo da celebración deste acto, o rexedor desprazarase ata a localidade luguesa acompañado duns 125 veciños e veciñas de Ortigueira, entre eles membros do goberno local e do resto da corporación.
Viaxarán a Mondoñedo dous autobuses e haberá unha comida de confraternidade, ademais de tempo libre para visitar a vila.
Os actos institucionais comezarán ás 11.30, coa saída da comitiva desde o Concello ata a Igrexa da Virxe dos Remedios, acompañada pola Banda de Ortigueira. A misa será cantada pola Coral Polifónica de Ortigueira e seguida dunha procesión de novo coa Banda de Ortigueira. A continuación haberá un concerto da Escola de Gaitas.