Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

OS REIS MAGOS RECIBIRÁN AOS NENOS E NENAS DE ORTIGUEIRA O DÍA 5 NO PAVILLÓN MUNICIPAL

Os Reis Magos están preparando xa a súa viaxe a Ortigueira, onde chegarán na tarde do día 5. O pavillón municipal estará preparado para recibir a visita das Súas Maxestades de Oriente a partir das seis da tarde, e aínda que por motivos de seguridade non poderán percorrer as rúas, Melchor, Gaspar e Baltasar recollerán as cartas dos nenos e nenas e escoitarán as súas peticións nunha recepción no propio pavillón.

A programación cultural do mes de xaneiro en Ortigueira reserva outra data para o público infantil e familiar: a representación de “Cartoons”, de Producións Teatrais Excéntricas, o sábado 16 ás 18.00 horas no Teatro da Beneficencia. Trata de dous tipos abandonados que perderon todo e teñen que aprender de novo as cousas máis sinxelas. A reciclaxe, a amizade, a solidariedade,e a hixiene e o exercicio físico son algúns dos temas que se abordan, desde un punto de vista humorístico, neste espectáculo. O prezo das entradas é de tres euros.

O sábado 23 tamén será o humor o protagonista, nesta ocasión coa aprazada representación de “Por vía oral”, de Teatro Comedia. Pedro Brandariz e Ángela Triana analizan o sistema sanitario actual con escenas moi identificables para calquera que tiña ido a un centro de saúde ou un hospital. O custo das entradas é de 3,5 euros.

Back to top