ORTIGUEIRA E CARIÑO ACOLLERÁN UNHAS XORNADAS SOBRE O PROXECTO DE XEOPARQUE CABO ORTEGAL

Os vindeiros días 31 de maio e 1 e 2 de xuño desenvolverase en Ortigueira e Cariño a I Xornada do Proxecto de Xeoparque Cabo Ortegal, unha iniciativa que incluirá, ademais, unha visita guiada polo territorio.

O auditorio da Casa da Cultura de Cariño será o escenario onde terán lugar as conferencias do primeiro día. Despois da inauguración, ás 16.00 horas, Asier Hilario Orus, director científico do Geoparque da Costa Vasca, que xa visitou a zona de Ortegal con anterioridade, falará dos xeoparques como os destinos máis innovadores do turismo sostible. O xeólogo ortegano Fran Canosa intervirá a continuación, a partir das 17.30, para detallar o patrimonio natural e cultural do proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal e, para rematar a xornada, o xeógrafo Ignacio Fernández López falará -ás 18.45- da posta en valor dos recursos territoriais.

Ao día seguinte, o 1 de xuño, a xornada trasladarase ao Teatro de Beneficencia de Ortigueira. A primeira conferencia será a de Artur Agostinho de Abreu e Sá, da Cátedra da Unesco de Xeoparques, Desenvolvemento Rexional Sostible e Estilos de Vida Saudables. A súa intervención centrarase na orixe, evolución e perspectivas de futuro dos xeoparques mundiais da Unesco e no caso concreto do de Arouca, en Portugal.

Ás 12.00 será a quenda de novo de Asier Hilario Orus, que relatará a experiencia do Geoparkea, na costa vasca, como un modelo de desenvolvemento baseado na ciencia e no xeoturismo. E, para rematar, Martín Alemparte Vidal falará, a partir das 12.30, da xénese e xestión do Xeoparque Montañas do Courel.

A xornada concluirá cunhas mesas de traballo que darán comezo ás 15.30 e na última xornada, o 2 de xuño, levarase a cabo unha visita guiada polos diferentes espazos incluídos no proxecto para o Cabo Ortegal.

Na iniciativa participan os Concellos do Xeoparque (ademais de Ortigueira e Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño) xunto coa Deputación Provincial.

Back to top