ORTIGUEIRA E CARIÑO ACOLLERÁN O CAMPEONATO DE ESPAÑA DE MEDIA MARATÓN EN CATEGORÍA MASTER E O GALEGO EN CATEGORÍA ABSOLUTA

O concelleiro de Deportes de Ortigueira, Ángel Lozano, expresa a súa satisfacción pola confirmación, por parte da Federación Galega de Atletismo, de que este concello e o de Cariño acollerán o Campeonato de España de Media Maratón en categoría Master e o Campionato Galego de Media Maratón en categoría absoluta. Os dous se disputarán o día 25 de maio e permitirán aos participantes gozar das incribles paisaxes da comarca ortegana, ao tempo que constituirán unha importante oportunidade para a zona desde o punto de vista turístico e económico.

Lozano destaca o traballo levado a cabo conxuntamente polos Concellos de Ortigueira e Cariño, que conseguiu que sexan por primeira vez na súa historia sede dun campeonato de España desta modalidade deportiva. Durante a fin de semana da celebración, os dous municipios serán o centro do atletismo español e galego, aínda que tamén será posible que se inscriba calquera atleta popular que queira participar.

O concelleiro de Deportes agradece especialmente o apoio brindado por Isidoro Hornillos Baz e Jesús Vázquez Tallón, presidente e vicepresidente, respectivamente, da Federación Galega, e tamén a confianza depositada nos dous Concellos pola Real Federación Española de Atletismo.

Back to top