O NOVO BOLETÍN MUNICIPAL DE ORTIGUEIRA RECOLLE INFORMACIÓN SOBRE A PRESENTACIÓN DO FESTIVAL CELTA E ANUNCIA INVESTIMENTOS POR UN MILLÓN DE EUROS

O novo boletín informativo que edita o Concello de Ortigueira está xa camiño dos fogares. Nesta ocasión dedica a súa portada -como non podía ser doutro xeito- á presentación do Festival do Mundo Celta en Fitur. Nesta 41ª edición -que se desenvolverá do 11 ao 14 de xullo- o lema elixido é “Oito Nacións, unha cultura” e xa teñen confirmada a súa presenza, entre outros, Gwendal, Moving Hearts, Shooglenifty e Flook. O cartel, que é obra do debuxante Cristian F. Caruncho e que tivo moi boa acollida, ocupa a contraportada da publicación.

Pero ademais desta importante cita coa música folk, o boletín informa tamén doutras cuestións, como os investimentos previstos en seguridade viaria e equipamentos, que suman un millón de euros. Entre as obras que se levarán a cabo está a remodelación da praza de San Antón.

O éxito da participación veciñal na decoración de Nadal da vila, coa espectacular árbore de patchwork de Espasante; a presentación da nova web e sede electrónica do Concello ou as subvencións para deportistas son outros contidos que se poden atopar nesta edición do boletín municipal, que tamén anuncia que o Concello procederá a realizar medio cento de contratos laborais.

Pode consultar e descargar este número e os anteriores na seguinte ligazón da web municipal:

IR Á LIGAZÓN Boletín municipal

Back to top