O INICIO DAS OBRAS DA DEPURADORA DE ESPASANTE CORRIXE AS DEFICIENCIAS EXISTENTES ATA AGORA

O inicio das obras da estación depuradora é unha das mellores noticias que podían agardar os veciños e veciñas de Espasante, xa que vén poñer fin a un problema que arrastraba a parroquia desde hai anos e que o equipo de Juan Penabad Muras se marcou como prioritario na súa acción de goberno á chegada á Alcaldía. As obras en marcha foron adxudicadas á empresa Viaqua, cun presuposto de 133.506,37 euros, IVE incluído.

O alcalde expresou a súa satisfacción por ter resolto un asunto que foi “duro e complicado”. Coa depuradora prestando un servizo axeitado, a calidade de vida dos veciños e veciñas de Espasante mellorará notablemente e quedarán solucionados tamén os problemas medioambientais que orixinaba o mal funcionamento destas instalacións, entre eles a baixada da calidade das augas na praia da Concha.

Os traballos que se están a realizar afectan ás estacións de bombeo do paseo marítimo e da pista polideportiva. Nesta última detectáronse desaxustes con respecto ao proxecto orixinal, xa que o pozo inicialmente tiña tres bombas en nun modificado posterior limitáronse a dúas -xustificándose cunha redución de caudal pola posta en marcha dunha rede separativa-, das que non se indicaba nin a súa altura nin as novas condicións de caudal previstas. A estes problemas engadíanse os de suciedade acumulada pola falta de mantemento.

O proxecto en execución contempla que nas dúas instalacións se colocarán unhas tapas axeitadas para impedir a saída de olores e tamén se levarán a cabo a limpeza interior dos pozos, a colocación de dúas novas bombas por cada estación e a adecuación da condución eléctrica. Na EDAR acometerase ademais o vaciado, limpeza e xestión de residuos, así como a instalación de novos equipos para que poida funcionar con normalidade.

O equipo de Muras elaborou tamén un plan de mantemento para que non se repitan os problemas de falta de conservación.

Back to top