Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO RENOVARÁ O PAVIMENTO DAS PISTAS DE PÁDEL DA PREGUIZA

As pistas de pádel descubertas da zona da Preguiza, situadas a carón da piscina climatizada, verán o seu pavimento renovado nas vindeiras semanas, segundo informa o Concello de Ortigueira. Por este motivo, as instalacións estarán pechadas desde o 29 de xullo ao 2 de agosto. As obras serán aproveitadas tamén para realizar traballos de saneamento e mantemento das pistas.

O total dos traballos que se acometerán terá un custo de 13.000 euros, sufragado integramente con fondos municipais. Consistirán na instalación dun pavimento Mondo Flex, para substituír ao actual, que chegou ao final da súa vida útil polo uso. Ademais repararanse as lousas de formigón e as drenaxes, colocaranse redes novas e retiraranse e reciclaranse os elementos que xa non sirvan.

Todo o material empregado nas obras está homologado pola Federación Española de Pádel e cumpre as normas UNE EN ISO 9001:2000.

O investimento nestas pistas é un paso máis nos traballos de mantemento básico que o Concello de Ortigueira desenvolve nas instalacións deportivas, a fin de que a poboación do municipio poida realizar deporte en condicións axeitadas e co obxectivo de continuar apoiando a práctica deportiva.

Back to top