Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA PRESENTA AO POS+ 2020 PROXECTOS POR MÁIS DE 800.000 EUROS

O Concello de Ortigueira presentou á Deputación Provincial unha relación de proxectos por importe de máis de 800.000 euros para seren subvencionados con cargo ao POS+ 2020.

Dos 809.411,53 euros que suman o total de obras previstas para se desenvolver ao longo deste ano, a de maior importe é a correspondente a reparacións na biblioteca municipal, que ten un presuposto de 210.902,64 euros e que virán completar. Os traballos consistirán na mellora da impermeabilización da cuberta do primeiro andar e de parte da planta Baixa, coa renovación de algunhas carpinterías exteriores. Tamén se acometerá a eliminación do panelado interior, se substituirán os zócolos de madeira da planta baixa por outros de granito e se procederá á renovación do azulexado nunha parte dos aseos. As obras completaranse co tratamento das varandas, o vernizado do chan e pintado das fachadas e muros de peche e a substitución dunha parte do pavimento no acceso exterior.

A remodelación da rúa Príncipe, pola súa banda, supón un investimento de 173.836,79 euros e consistirá no cambio do actual pavimento por outro novo de lousas de granito sobre unha base de formigón armado de xeito que quede totalmente integrado na área urbana, mantendo as características da zona e facilitando a circulación tanto de peóns como de vehículos. A intervención incluirá tamén melloras nas redes de pluviais, saneamento e abastecemento de auga, así como a canalización soterrada das redes de electricidade, telefonía e iluminación pública.

Dentro dos proxectos do Concello de Ortigueira para o POS+ inclúese tamén unha intervención no miradoiro de San Antonio, na parroquia de Espasante, neste caso cun custo de 133.877,07 euros. A actuación suporá un rebaixe do nivel na zona noroeste, a renovación de pavimentos e a instalación de mobiliario urbano. Conservaranse as actuais árboles, trasladándoos as novas zonas verdes, nalgúns casos con alcorques. Acometerase igualmente a desmontaxe e substitución das proteccións de aceiro inoxidable e vidro. Como elemento ornamental colocaranse unhas letras de gran tamaño iluminadas desde o chan.

A institución municipal propón tamén, con cargo a estas subvencións provincias, a remodelación da Alameda, cun orzamento de 41.385,67 euros. As obras incluirán a ampliación dos alcorques da praza e un recheo con novo pavimento drenante para permitir a nivelación das baldosas, así como a restauración do escudo e unha actuación no muro de peche dun dos laterais. Para completar a intervención instalarse unha rede wifi.

Os proxectos do Concello ortegano contemplan así mesmo actuacións en varias pistas do municipio. As do Baleo e Viso teñen un presuposto de 57.196,40 euros e nelas mellorarase o firme con aglomerado en quente. Tamén se executará o pintado das bandas laterais de carril e do sinal de STOP na confluencia co aparcadoiro da praia de Morouzos, así como unha cuneta de formigón para recoller as augas pluviais en Cortiñadona (Luama).

Outras pistas ás que se dará aglomerado en quente son as de San Adrián, neste caso cun investimento de 73.082,04 euros. A intervención afectará a unha superficie de 1.344 metros de largo e entre 2,6 e 4,5 metros de ancho. O pintado das bandas laterais e do sinal de STOP no cruce coa estrada de Mera a Cariño, xunto coa formación dunha cuneta para recollida de pluviais completarán as obras.

Por último, realizarase unha intervención de rego asfáltico nas pistas de Mosteiro e Baleo, ao que se destinará unha partida de 36.140,30 euros. Ademais da mellora do firme formarase un paso para a recollida de augas pluviais en Landín (Mosteiro).

Back to top