Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA PIDE Á XUNTA E AO GOBERNO UTILIZAR A RESIDENCIA DE ASPROMOR COMO HOSPITAL DURANTE A CRISE DO COVID-19

Anticiparse ao que poida vir e ter dispoñibles servizos que nesta situación de crise sanitaria poderían ser necesarios para atender as necesidades de Ortigueira e incluso doutros municipios da comarca é o obxectivo co que o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad, remitiu senllos escritos ao presidente da Xunta e ao subdelegado do Goberno para trasladarlles “a posibilidade de poder contar de forma inmediata coa residencia titularidade da asociación Aspromor”. Coa situación actual dos servizos sanitarios tanto na área de Ferrol como na da Coruña e diante do “presumible crecemento de afectados na zona polo Covid-19” o goberno local propón “adecuar cunha pequena aportación económica as instalacións desta residencia, que no seu día xa se indicou ás autoridades sanitarias por parte de Aspromor como instalación axeitada para a súa utilización no caso de necesidade derivada da crise sanitaria, para atender os casos que se poidan ir dando no municipio e na comarca”. A idea é que sexa unha especie de hospital de campaña durante o tempo que dure esta crise sanitaria.

O primeiro edil dixo que a posta en marcha da residencia precisa dunha inversión que pode superar lixeiramente os 10.000 euros, aos que habería que engadir a dotación do equipo facultativo (médico, enfermeira) e a limpeza. Trátase dunha cantidade á que o Concello non pode facer fronte por non ser da súa competencia directa polo que “informamos ás autoridades competentes, tanto da Xunta como do Goberno de España, primeiro para saiban da posibilidade de contar con este espazo e, en segundo lugar, para pedir a execución destas pequenas obras que restan”. No caso de que non fose posible executalas directamente, o alcalde solicita dotación económica para a realización dos traballos.

Juan Penabad considera que esta sería a vía “para poder abrir a residencia o antes posible”, aínda que dadas as circunstancias, o Concello está aberto a buscar e pedir a colaboración de empresas privadas ou particulares que poidan axudar a rematar as obras.

A residencia, que é de recente construción, conta coas instalación e equipamentos adecuados, habitación dotadas con camas articuladas (un total de 28), baños, duchas, despachos que poden ser utilizados por persoal médico ou de enfermaría, etc. Como nunca se puxo en funcionamento é necesario facer actuacións como a posta a punto da caldeira (calefacción e auga quente) necesaria para o seu funcionamento, a colocación dos elementos necesarios na sala de máquinas, a posta a punto da sala de lavandería e cociña, a posta en funcionamento o ascensor, a adquisición de equipamento e utensilios para realizar a limpeza material de cociña e servizo de comidas e roupa de cama e aseo.

Juan Penabad insistiu en que a súa apertura “contribuirá a loitar contra o coronavirus, xa que utilizar a residencia de Aspromor para a atención de persoas afectadas polo mesmo e en situación non grave axudará a desconxestionar os hospitais da área sanitaria de Ferrol”. Neste sentido lembrou que en Ortigueira detectáronse xa tres focos de coronavirus e que na actualidade hai cinco casos confirmados. Der aí a necesidade de contar cunhas instalacións axeitadas e próximas para os veciños e veciñas.

Back to top