Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O CONCELLO DE ORTIGUEIRA CONTRATA A 46 TRABALLADORES DURANTE O VERÁN

O Concello de Ortigueira continúa adiante no seu obxectivo de promover a creación de emprego e ten contratados durante este verán un total de 46 traballadores eventuais para ocuparse de diferentes labores relacionados con limpeza, servizos, prevención de incendios e seguridade, entre outras cousas.

O alcalde, Juan Penabad Muras, insiste en que aumentar os postos de traballo na institución municipal é unha das súas prioridades e expresou a súa satisfacción polo feito de poder dar oportunidades de emprego aos veciños e veciñas, especialmente no caso dalgúns deles que acceden ao mercado laboral por vez primeira. Este é o ano en que se rexistra un volumen máis elevado de contratación estival en Ortigueira, que é un dos Concellos da contorna con maior número de empregos de verán.

O número máis alto de contratacións proceden do convenio coa Consellería de Medio Rural para a loita contra o lume e do Fondo de Compensación Ambiental, con dez traballadores en cada caso.

Nas brigadas contraincendios traballan oito peóns (dous deles condutores) e dous xefes, que se ocupan vixiar e extinguir, se é o caso, posibles lumes no termo municipal. As persoas empregadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental desenvolven tarefas de mantemento e embelecemento dos xardíns e zonas verdes para que estean en perfecto estado.

Dentro destas contratacións estivais inclúense tamén nove persoas contratadas con cargo ao Plan de Integración Laboral Provincial. Neste caso realizan labores relacionados cos servizos que presta o Concello, como recollida de residuos, limpeza de rúas e traballos de mantemento en xeral en espazos públicos e instalacións municipais.

Outros sete traballadores teñen o cometido de limpar as praias e os espazos que as rodean, e cinco máis ocúpanse do servizo de salvamento e socorrismo, no que o Concello fixo un esforzo especial para poder garantir un número mínimo de socorristas. Dentro das tarefas relacionadas coa seguridade inclúense tamén as dúas contratacións de auxiliares da Policía Local.

Pola súa banda, tanto o programa Risga como o APROL facilitaron dúas contratacións no primeiro caso e unha no segundo, pero por un período superior, nove meses. Con cargo á Risga as persoas empregadas realizarán labores de limpeza e mantemento viario e de instalacións públicas, mentres que o contrato do APROL rural permitiu a contratación dun peón forestal que traballa na limpeza e mantemento de espazos naturais do Concello.

Back to top