Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O BOP PUBLICA AS BASES PARA CREAR UNHA BOLSA DE EMPREGO PARA AUXILIARES DE AXUDA A DOMICILIO

O Boletín Oficial da Provincia publica na súa edición de hoxe as bases da bolsa de emprego para a contratación laboral temporal de auxiliares do servizo de axuda a domicilio no Concello de Ortigueira. A administración local recorrerá a esta bolsa para cubrir de xeito transitorio postos de traballo vacantes ata a súa cobertura definitiva por persoal laboral fixo; substitución por situacións de excedencia ou suspensión de contrato e exceso ou acumulación de tarefas na actividad normal do servizo. O tempo máximo deste último contrato será de seis meses dentro dun período de 12.

Para se inscribir hai que estar en posesión dalgún dos seguintes títulos: técnico/a en Atención a Persoas en Situación de Dependencia; técnico/a en Coidados Auxiliares de Enfermaría (ou os equivalentes de Auxiliar de Clínica, Auxiliar de Psiquiatría e Auxiliar de Enfermaría); técnico/a superior en Integración Social ou contar co certificado de profesionalidade de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais ou o equivalente de Ocupación de Auxiliar de Axuda no Fogar.

As solicitudes deberán realizarse no prazo de dez días desde o de mañá e o proceso de selección dos aspirantes a integrar a bolsa de traballo será o de concurso-oposición. As bases completas pódense consultar no BOP de hoxe mércores, 20 de novembro.

Back to top